O Concello de Tui (Pontevedra) e o Centro Galicia de Bos Aires, Premios Entreculturas 2011

Os Premios Entreculturas, que entrega cada ano a Deputación de Pontevedra, recaeron nesta ocasión no Centro Galicia de Bos Aires e no concello pontevedrés de Tui, segundo trasladou esta mañá o vicepresidente da institución provincial, José Manuel Figueroa.
'Os premios teñen como finalidade potenciar a sociedade civil e apoiar a entidades e persoas que, dende unha e outra beira do Atlántico, traballan pola mellora e integración de emigrantes e inmigrantes', apuntou Figueroa.

Os galardóns, dotados con 6.000 euros para cada entidade, serán entregados o próximo 12 de outubro en Baiona, vila que acolleu a arribada da carabela Pinta coa noticia do descubrimento de América.

No caso do Centro Galicia de Bos Aires, que preside o estradense José María Vila Alén, o xurado valorou 'a súa intensa actividade a favor dos emigrantes galegos na Argentina. Creado en 1979 tras a fusión dos Centros Coruñés, Lucense, Ourensano e Pontevedrés, o seu obxecto é defender e potenciar a cultura galega, os seus signos de identidade, o ensino e o cultivo da solidariedade.

O Centro Galicia conta con 13.200 socios e, entre outras actividades, xestiona o Colexio Santiago Apóstol, as instalacións sociais e deportivas de Oliveiras cun pavillón de 2.000 metros cadrados e canchas, pistas, campos de fútbol e diversas instalacións de ocio e relación social.

No caso do Concello de Tui, o galardón foi outorgado 'polo seu compromiso na prestación de servizos no ámbito cultural e social a favor da emigración e inmigración, así como polas súas iniciativas culturais, laborais, educativas, sanitarias e con diversos programas específicos dedicados á muller e á xuventude inmigrante'.

O Concello de Tui dirixe o seu labor especialmente aos 750 inmigrantes empadroados no municipio que, polo seu carácter fronteirizo con Portugal, son maioritariamente portugueses.

Te puede interesar