Galicia é a quinta comunidade con maior produción editorial de España aínda que o 59% dos galegos non le ningún libro ao ano

Os editores de Galicia publicaron 3,6 millóns de exemplares de 2.000 títulos en galego en 2008

Os editores de Galicia publicaron o pasado ano un total de 3,6 millóns de exemplares correspondentes a 2.000 novos títulos en galego, o 55 por cento do total dos editados na Comunidade Autónoma, que ascenderon en 2008 a 3.747.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística recollidos por Europa Press, o número de libros editados en galego subiu un 29 por cento en 2008 con respecto ao ano anterior ata converterse no 2,4 por cento do total de libros publicados en España.

Ademais, os 3.747 títulos que viron a luz o pasado ano en Galicia, que supuxeron 4,19 millóns de exemplares, situaron esta comunidade como a quinta de España en volume de produción editorial, solo por debaixo de Cataluña, con 27.451; Madrid, con 25.932 novas publicacións; Andalucía, con 8.032; e Comunidade Valenciana, onde se editaron 4.731 títulos.

Por temas, en galego, un 44 por cento dos textos editados corresponderon a obras literarias ou de crítica, un total de 1,59 millóns de libros; mentres que o 19 por cento corresponderon a libros infantís - -697.000 exemplares--; o 17 por cento a libros de texto - -620.000--, e o 14,8 por cento a publicacións oficiais - -533.000 exemplares--.

SECTOR DA CULTURA


O sector da cultura xerou en Galicia o pasado ano 2.700 novos empregos con respecto a 2007. En conxunto, traballan neste sector 26.000 persoas na Comunidade, un 11,6 por cento máis que as 23.300 que empregaba en 2007, pero 300 menos que a cifra rexistrada en 2006, cando foron 26.300 contratos.

Así, segundo datos do Consello da Cultura Galega, aínda que o emprego no sector parece recuperarse en 2008, en 2007 a cultura viu diminuído o volume de traballos nun 11,4 por cento con respecto a 2006.

Actualmente, os empregos do sector cultural representan o 2,2 por cento do emprego total en Galicia, tal e como recolle o Instituto Nacional de Estatística. Ademais, o comportamento é mellor en Galicia que no resto do Estado, onde este tipo de empregos aumentaron en 2008 un 2,2 por cento, fronte ao 11,6 por cento da Comunidade galega, que ademais foi a sétima en incremento relativo por comunidades.

HÁBITOS CULTURAIS


Segundo o informe de Ocio e Hábitos Culturais do Conselo da Cultura Galega, o 59 por cento dos galegos non le ningún libro ao ano, o 33,2 non le a prensa e o 65 por cento non acode nunca a bibliotecas.

En contraposición, o 29,2 por cento dos galegos asegura ler diariamente e, por bisbarras, os que máis len son os habitantes de Pontevedra e A Coruña, e os que menos, os do sur da provincia de Lugo e Ourense.

Así mesmo, este indicador tamén correlaciona coa idade e o nivel de estudios. A lectura diaria é máis frecuente entre os nenos menores de 10 anos e, aínda que en menor proporción, entre os de 15 e 29 anos. Así mesmo, os maiores de 50 tamén len con máis asiduidade que os máis novos.

Ademais, len con máis frecuencia os galegos que teñen estudios superiores e, aínda que as diferenzas son pequenas, as mulleres practican máis este hábito que os homes.

BIBLIOTECAS


No relativo ás bibliotecas, o seu uso é diferente se se ten en conta a distribución por idades. Así, fronte ao 70 por cento dos menores de 14 anos que afirma acudir ás bibliotecas, a partir de 30 anos esta porcentaxe redúcese ata o 22,8 por cento.

O perfil típico dunha biblioteca particular en Galicia ten entre 5 e 10 libros, mentres que o 7,9 por cento dos fogares posúen máis de 500 libros. Cabe destacar, ademais que as bibliotecas máis voluminosas atopan na provincia de A Coruña e Pontevedra, mentres que Ourense rexistra as máis pequenas, xa que o 34 por cento ten menos de 10 libros.

Te puede interesar