As Nancys Rubias inician a súa nova xira o 20 de xaneiro na Coruña

Mario Vaquerizo e a súa banda, as Nancys Rubias, aproveitarán a recente publicación do seu cuarto disco de estudio, 'Ahora o nunca', para iniciar o 20 de xaneiro na Coruña unha nova xira por España.

En principio son oito as citas confirmadas por Warner Music, todas en salas, como a coruñesa Playa Club na data sinalada. Seguiranlle Mogambo en Vigo (21 de xaneiro), Obbio en Sevilla (día 27) e Imagina Club en Cádiz (28).

Importantes cidades constan no segundo tramo da súa xira, como Barcelona (Sala Razzmatazz, 3 de febreiro) e Valencia (3, 4 de febreiro). As últimas datas que transcenderon son Madrid (Joy Eslava, 10 de febreiro) e Zaragoza (Sala López, día 11).

As entradas están xa á venda a través da rede Ticketmaster por 12 euros, máis gastos de servizo por venda anticipada.

As Nancys Rubias, que abriron o concerto de Fangoria na súa última e recente xira, viven un momento de especial transcendencia mediática tras as súas aparicións no reality da canle de televisión MTV 'Mario & Alaska'.

Antes de 'Ahora o nunca' (2011), publicaron 'Nancys Rubias' (2005), 'Gabba Gabba Nancys' (2007) e 'Una cita con Nancys' (2009), onde exhiben un estilo ecléctico e lúdico, que se move entre a electrónica, o pop, a música de baile, o punk e o glam.

Te puede interesar