CULTURA

Novos servizos: Un legado en forma de biblioteca

Ourense, ou La bella Auria, en palabras de Otero Pedrayo, destaca polo seu potencial cultural e aínda hoxe continúa sendo unha referencia no contexto da cultura . A herdanza cultural, artística e literaria dos intelectuais que formaban parte da Xeración Nós continúa presente e a cidade enteira está marcada polo legado deste grupo de escritores. No casco vello podemos atopar algunhas das casas natais destes persoeiros que tamén dan nome a rúas, prazas e colexios.  Ademais, agora o seu legado mantense vivo no novo polo cultural impulsado pola Xunta de Galicia en San Francisco, un espazo de referencia no que a Biblioteca Pública e a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourenseconviven con outros equipamentos culturais municipais. 

A primeira, inaugurada hai menos dun ano, foi bautizada como Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns que propuxeron este nome, Nós, pola repercusión cultural deste colectivo na cidade de Ourense e no conxunto da cultura galega nun proceso aberto no que se recolleron preto de 50 propostas. Cómpre sinalar que esta denominación tamén recibiu o apoio de entidades culturais galegas e ourensás como a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Uxío Novoneira, o Museo do Pobo Galego, a Asociación do Patrimonio Galego O Sorriso de Daniel, a Delegación Arxentina da Fundación Galicia América ou o Ateneo de Ourense, entre outras.

A biblioteca Nós, no complexo cultural de San Francisco, supuxo un incremento do 300% de superficie útil, en relación co vello emprazamento na rúa do Concello. Actualmente, acolle 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais e máis de 4.000 revistas e xornais. Ademais, a biblioteca conta con varias seccións entre as que destaca o Fondo Local, na que se reúne toda a información relacionada con Ourense e provincia así como as obras publicadas en Ourense e de autores ourensáns. De feito, nesta biblioteca podes atopar unha trintena de publicacións vencelladas coa Xeración Nós que se suman aos centenares de volumes que atesoura escritos ou relacionados con algún dos intelectuais que formaron parte deste grupo. 

Pero a Biblioteca Nós non destaca só pola calidade e variedade dos sues fondos, senón tamén polo papel que xoga na dinamización cultural da cidade. De feito, só no pasado ano a biblioteca impulsou á celebración de máis de 320 actividades culturais entre as que se incluían exposicións, contacontos, obradoiros, visitas guiadas, clubes de debate, tertulias ou cliubes de lectura.


ACTIVIDADES DIXITAIS


“Pra ledicia de todos e enseño de moitos, sai oxe Nós". Así comeza o 1º editorial do 30 de outono de 1920 da Revista Nós que podemos ler aínda a día de hoxe. Porque estes exemplares únicos poden consultarse en liña na  Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, onde é posible atopar todos os números da Revista Nós, desde 1920 a 1970. 
Entre todos eles destaca tamén o 145 publicado no cincuentenario como homenaxe da Real Academia Galega e que conta cun prólogo de Sebastián Risco e colaboracións de autores como Ánxel Fole, Xesús Bal y Gay, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro ou Luis Seoane. 

Para continuar afondando na divulgación da cultura galega, incluido o legado da Xeración Nós, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade culminou o traslado do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, ao complexo de San Francisco este mesmo ano. En agosto levouse a cabo o movemento de máis de 54.000 caixas de documentación, libros de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibliográfico, así como documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial ao Pazo Episcopal, un inmoble situado ao carón da Biblioteca Nós que conta con preto de 10.000 metros cadrados de superficie e que poderá albergar, unha vez que culmine o equipamento da área de depósito, 27 quilómetros lineais de documentos dos cales moitos estarán vencellados coa herdanza cultural e artística dos intelectuais que conformaron parte do Grupo Nós ou coa publicación que celebra agora o seu centenario.

Te puede interesar