A ourensá Olga Gallego recibe o Premio Trasalba polo seu traballo documentalista

Imagen de archivo de Olga Gallego.
A Fundación Otero Pedrayo ven de decidir, por unanimidade, conceder o XXVI Premio Trasalba á bibliotecaria e documentalista ourensá Olga Gallego Domínguez, figura fortemente vencellada á recuperación da cultura galeguista durante a postguerra, unha das organizadoras no seu día dos fondos documentais e bibliográficos da Fundación Penzol e relacionada de sempre coa figura e a memoria de Ramón Otero Pedrayo (forma parte da fundación como padroeira).

Con este premio recoñécese un labor intelectual de moitos anos sobre a cultura do libro e a súa preocupación pola organización da memoria documental da cultura e do galeguismo. De feito, cando se constitúe a Fundación Penzol no ano 1963 e se reciben os fondos do rexistrador da propiedade e mecenas da cultura galega, Fermín Penzol, Olga Gallego, xunto con Fernández del Riego, foi quen procedeu á catalogación e sistematización de todo o material.

O premio ten carácter honorífico e concrétase nunha homenaxe que se celebra na casa grande de Cimadevila, en Trasalba (Amoeiro), o derradeiro domingo do mes de xuño. Durante o acto, Olga Gallego recibrá un libro de recoñecemento, un debuxo de Isaac Díaz Pardo e unha placa de lembranza.


Te puede interesar