La Región

ARTE ET ALIA

A poesía plástica de Acisclo en Xunqueira de Espadanedo

Dentro, no espazo da exposición, nas dúas ás do sobreclaustro da antiga Abadía da Orde do Cister de Espadanedo, as expresivas figuras penduran das paredes e amósanse, lixeiras, diante das fiestras e nos pedestais baixos.
Acisclo, en Xunqueira de Espadanedo.
Acisclo, en Xunqueira de Espadanedo.
A poesía plástica de Acisclo en Xunqueira de Espadanedo

Unha peza cerámica, colocada nun dos descansos da escaleira, indícanos dende a súa notables dimensións a altura do mestre, un xigante que camiña entre nós. O tamaño superior ao natural do Gálata moribundo, famosa obra do Helenismo grego, amosa o enorme da vitoria de Atalo I de Pérgamo sobre eles, e non esquezamos a Miguel Anxo en Florencia co David, a comezos do século XVI, un mociño no canto de enfrontarse a Goliat.

Dentro, no espazo da exposición, nas dúas ás do sobreclaustro da antiga Abadía da Orde do Cister de Espadanedo, as expresivas figuras penduran das paredes e amósanse, lixeiras, diante das fiestras e nos pedestais baixos. O golpe visual da escultura feminina de entrada, fálanos como unha Sibila dende a altura dende a que ollas para nós. No seu alto corpo, de fuste de columna, amósanos Acisclo caras en silueta e, desta volta, debuxos xeométricos no ombro, cun ar as composicións das palilleiras de Camariñas.

Eis a súa forma de expresión, a dos seus sentimentos, e contar o que lle importa... A poética deste gran comunicador plástico, materialízase nun debuxo cerámico no seu ‘itinerante’ taller como expresión decantada do matinar da seu maxín, onde elabora o seu mundo evanescente que logo, cun calmo facer sen facer que non deixa nada por acadar, exhibe de fulgurantes fotóns de cores, plus lírica de festa para os ollos do común, cos que viste un dejá vu sempre novo. 

Moito ten camiñado cos seus pequenos pasos dende a rúa da Barreira de Ourense onde naceu Acisclo Rogelio Manzano Freire (1940). Agora xunta de novo parte das súas obras, esas que conforman o seu diario persoal, para pasealas até o entorno da Ribeira Sacra, nun espallar dende o efémero dunha exposición temporal cara a excelencia dun territorio único de Ourense e Galicia, no que xa está presente no fulcral eremitorio de Rocas, Esgos, co seu expresivo Cristo sen cruz, instalado a comezos de ano no cemiterio antigo.

Este mesmo ano hai dende marzo na Ínsua dos poetas, en Madarnás, O Carballiño, unha Kalíope, musa da poesía, nova escultura que estivo nunha vida anterior, durante anos, na estrada do Ribeiro. Este é o noso Acisclo, que flúe, adaptándose, como as augas. En 2016 puxo unha Ceres nunha praza de Cea dedicada ao pan da vila, ano no que compartiu a alfaia do premio Otero Pedrayo con Manolo de Buciños. Aínda estaba quente o libro monográfico dedicado ás súas grandes obras en Galicia, en setembro de 2017.

En agosto do 2018 colocou no Ribeiro para Viña Costeira catro esculturas-láminas de aceiro corten. De 2014 é a súa última gran exposición, “Acisclos”, co seu fillo artista multidisciplinar, quen lle presta axuda puntual, pois os anos non pasan de balde. Aquí en Xunqueira, Acisclo Novo púxolle mans á colocación das obras, coordinada pola comisaria e tamén artista Ehlaba Carballo de Dios, sempre a prol da súa terra. Hai pezas enmarcadas, que emerxen con pasmo do fondo escuro das caixas abertas, e unha parella fala sobre a porta sur, no van tapiado. Ábrete, sésamo!