Os populares Bolechas 
aprenden inglés na TVG

photo_camera Os irmáns Bolechas e o seu cadelo Chispa, con seu profesor de inglés

A nova serie dos persoaxes de Pepe Carreiro, de estrea este domingo

[page1image4352]

A primeira canle da Televisión de Galicia estrea este domingo "Os Bolechas one2three". Ás 9.15 horas emitirase o primeiro capítulo desta serie en forma de curso de inglés que supón unha aposta decidida en prol de contidos infantís que aúnen diversión e interese pedagóxico. Deste xeito a nova serie seguirá a liña habitual dos Bolechas, cos personaxes que tan ben coñecen os seus milleiros de seguidores, pero incluirá as leccións de inglés do seu novo profesor, Michael, que tratará de ensinarlles as primeiras nocións de inglés para que os irmáns –e o público– poidan ir familiarizándose co novo idioma dun xeito natural e divertido.

Os Bolechas son un referente na normalización da lingua galega desde hai máis de 14 anos, primeiro no eido editorial e desde hai máis de dous anos na televisión, en internet e en diversas propostas lúdicas e culturais que percorren toda Galicia ao longo do ano (pasacalles, espectáculos, xiras de Nadal, actividades de formación ou talleres. Agora os personaxes creados por Pepe Carreiro, sabedores da importancia e falar cantos máis idiomas mellor, dan o salto ao inglés e fano a través dunha serie tan divertida como o son todas as súas propostas.

O curso de inglés foi elaborado por un equipo multidisciplinar de filólogos, lingüistas, educadores e pedagogos que traballaron directamente nos dous idiomas da serie: galego e inglés, e na forma de ensinalo a través dun medio como é a tele e a un público leigo e cunhas particularidades moi definidas polas idades ás que se refire. Un intenso traballo de varios meses que estivo apoiado pola Facultade de Ciencias da Educación de Santiago e que conta co aval da Universidade de Santiago de Compostela.

Tras a estrea este domingo, "Os Bolechas one2three" emitirase todos os domingos ás 9.15 horas na primeira canle da TVG.

Te puede interesar