Propoñen un referendo sobre o financiamento da feira taurina coruñesa

A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e a entidade holandesa CAS-International presentaron hoxe unha proposta cadro para a convocatoria dun referendo sobre as subvencións que recibe a feira taurina da Coruña durante o período estival.
Os abolicionistas explicaron nunha rolda de prensa que corresponde ao Concello da Coruña a convocatoria da consulta, porque segundo estas organizacións o debate sobre a tauromaquia e o seu financiamento a través de institucións públicas é de interese social, como demostra unha enquisa de 2010 en que 73,2 por cento dos coruñeses rexeitan tal política pública.

Na actualidade, a feira taurina da Coruña recibe máis de 128.000 euros cada ano, e desde o ano 2000, as diversas concesións acumulan un gasto de máis de 1.300.000 euros, unha cifra que a entidade contraria á tauromaquia cualifica de 'irresponsábel e de nula utilidade'.

Rubén Pérez, voceiro de 'Galicia, Mellor Sen Touradas', avanzou que a proposta, baixo o lema Iniciativa2011 repartirá máis de 50.000 folletos, de forma que cada familia da Coruña poida ter a información suficiente sobre o uso de diñeiro municipal para os espectáculos taurinos, e lembrou que existen formacións políticas na cidade que tamén se opoñen a esta subvención.

Pola súa parte, Marius Kolff, director da CAS-International, engadiu: 'Cada vez máis turistas europeos se queixan pola presenza de carteis e artigos relacionados coa tauromaquia'.

'Nos próximos meses haberá accións de turismo ético nas cidades galegas que aínda manteñen na súa programación festexos taurinos', rematou.

Te puede interesar