O Salón Teatro acolle 34 espectáculos escénicos e musicais durante o mes de abril

Un total de 34 formacións escénicas e musicais actuarán durante o presente mes de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela, dentro da programación externa deseñada polo Centro Dramático Galego para o trimestre final da tempada.
Segundo explicou a Agadic nunha nota de prensa, aínda que o Salón Teatro permanecerá pechado durante o período vacacional de Semana Santa, este escenario concentrará en abril un 'intensa actividade' á que contribuirán citas como a I Mostra de Danza de Galicia ou o Festival Internacional de Teatro Universitario.

En concreto, a carteleira comezará este venres e sábado con 'Pressing Catch', o último espectáculo da compañía Berrobambán baixo a dirección de Quico Cadaval e a partir dun texto de Paula Carballeira.

Así mesmo, coincidindo co Día Internacional da Danza, que terá lugar o 29 de abril, o Centro Coreográfico Galego organizará un exhaustivo ciclo que exhibirá no Salón Teatro máis de 20 pezas, cada unha duns 30 minutos de duración.

A mostra, que se levará a cabo do martes 26 ao sábado día 30, terá como principal obxectivo mostrar o 'dinamismo coreográfico' de Galicia, poñendo en valor tanto artistas emerxentes como outros xa consolidados.

TEATRO UNIVERSITARIO

Paralelamente, do 4 ao 10 de abril o Salón Teatro prestará o seu escenario ao XVII Festival Internacional de Teatro Universitario (Fitu). En concreto, a Aula de Teatro da USC será a encargada de abrir a programación o luns e martes coa representación de 'Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz'.

Ao día seguinte, o 6 de abril, a compañía teatral Banda Kurenai de la Universitá degli Studi di Genova escenificará 'Eu vivo, delirio para un actor', mentres que o xoves día 7 a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias interpretará 'Tres Sombreiros de Copa, de Miguel Mihura.

Os portugueses Teatrubi tomarán o relevo o día 8 coa obra 'Son(h)o dor-mente' e o día 9 será a quenda da compañía independente da USC Mequetrefes coa súa creación colectiva 'Incomunicando'.

PROGRAMACIÓN EN CLAVE DE HUMOR

A programación do Salón Teatro continuará o luns día 11 e martes día 12 coa presentación do novo espectáculo do monologuista Carlos Blanco en coprodución con Abada Teatro, 'Ordem e Progresso', que ofrece unha visión particular sobre Brasil en clave de humor.

Posteriormente, os días 16 e 17 de abril subirá a escena 'A filla de Woody Allen', obra coa que debutou a compañía de Santiago Cortegoso na que Marián Bañobre interpreta unha ficticia filla galega do cineasta norteamericano.

Finalmente, o ciclo ST Música Presente volverá ao Salón Teatro o día 13 de abril coa actuación do grupo Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, que presentará en directo 'Jazz from Galiza!!'.

Te puede interesar