A UIMP homenaxea a Cunqueiro, o 'maior fabulador da literatura europea'

Álvaro Cunqueiro (Foto: Archivo)
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, cualificou hoxe a Álvaro Cunqueiro como o 'maior fabulador da literatura europea das últimas décadas'.
Neste sentido pronunciouse durante a apertura do curso que dedica ao escritor galego a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) para conmemorar o centenario do seu nacemento.

Luis Mateo Díez, César Antonio Molina, Víctor Freixanes e Marina Mayoral serán algúns dos escritores que repasarán o universo literario de Cunqueiro durante este curso.

Con personaxes propias, como Fanto Fantini, ou xogando ao redor doutros universais como Merlín, Sinbad ou Hamlet, o escritor lugués Álvaro Cunqueiro (1911-1981) configurou unha das apostas literarias máis orixinais da literatura galega do século XX.

A visión, persoal e intransferíbel de Cunqueiro, acabou incorporada ao patrimonio cultural galego, marcando o xeito en que o imaxinario popular retrata menciñeiros, sochantres, feirantes ou boticarios.

A UIMP sumouse ás celebracións do centenario de Cunqueiro co curso 'Cen anos de Cunqueiro', que foi inaugurado hoxe na sede do Arquivo do Reino de Galicia e que se prolongará até o vindeiro venres.

Coordinado polo escritor e xornalista Carlos G. Reigosa, o programa comprende un repaso por todas as facetas da obra do autor galego, desde a súa narrativa e teatro, talvez as mellor coñecidas, ás súas colaboracións en prensa ou a súa creación poética.

O equipo de profesores do curso está composto na súa práctica totalidade por escritores, xa que ademais do propio Reigosa, as sesións correrán a cargo de autores como Luis Mateo Díez, Víctor Freixanes, César Antonio Molina, Inmaculada López Silva, Marina Mayoral, Domingo Villar e Arcadio López.

Durante o acto de inauguración do curso, o director xeral do Libro , Bibliotecas e Arquivos cualificou o Cunqueiro como o 'maior fabulador da literatura europea das últimas décadas e herdeiro natural dos trobadores medievais'.

Segundo López, o gran mérito de Cunqueiro non foi só recoller a 'enraizada tradición da oralidade galega' senón 'empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, até convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal'.

Afirmou que cando un le a Cunqueiro poden ser lembradas as historias de antepasados e admirar os modernos recursos narrativos que utilizaba o escritor mindoniense.

'Nesa mestura radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño por que despois discorrería boa parte da novela do último terzo do século XX', asegurou López.

Para o responsábel da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, tal capacidade para fabular só a pode despregar 'un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas en que Ulises pasaba a súa mocidade inspirándose nas Cíes e en Sálvora'.

'Cando pintaba un porto do golfo Pérsico, pensaba en Foz ou en Viveiro; e cando falaba da Bretaña do Sochantre de Pontivy, en verdade falaba de Galicia, porque no fondo era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro', apostilou.

Te puede interesar