Vigo acolle dúas funcións da 'Ópera dos tres reás' este martes e mércores

O Centro Cultural Novacaixagalicia acollerá o martes e o mércores, a partir das 20.30 horas, senllas funcións da 'Ópera dos tres reás', na que será a penúltima parada dunha xira de tres meses que terá o seu punto final en Narón, onde poderá verse o 30 de setembro e o 1 de outubro.
A obra, un clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, está dirixida por Quico Cadaval -na parte escénica- e conta con Diego García Rodríguez na dirección musical. En canto aos intérpretes, Luis Tosar está á cabeza do elenco, se ben hai un total de 11 actores cantantes galegos e unha banda de 8 músicos.

Esta montaxe do Centro Dramático Galego chega a Vigo despois de alcanzar cheas absolutos nas súas representacións en Ourense e A Coruña e de completar cun balance superior aos 9.600 espectadores unha xira exterior por Madrid, Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza. Así, en total, a obra foi vista xa por máis de 17.200 espectadores nun total de 10 escenarios galegos e do resto de España.

Ao longo de dúas horas e media, o público poderá gozar dunha vintena de números musicais e dunha esixente e vertixinosa posta en escena. As entradas para asistir ás dúas funcións de Vigo poden adquirirse a través da web www.servinova.com ou no despacho de billetes do Centro Cultural Novacaixagalicia. Os prezos son de 20 euros en butaca, 18 euros en anfiteatro primeiro, 16 euros en anfiteatro segundo e 13 euros en anfiteatro terceiro.

Te puede interesar