Cen anos de Nós: o vizoso legado dunha xeración irrepetible

Non é posible comprender a Galicia contemporánea e a súa cultura sen o vizoso legado da Xeración Nós

Non é posible comprender a Galicia contemporánea e a súa cultura sen o vizoso legado da Xeración Nós. Revitalizaron a nosa identidade baixo uns parámetros modernizadores, crearon e consolidaron a imaxe de marca de país aínda vixente.

Un grupo xeracional que integra individualidades excepcionais, cada unha delas capaz de encher por si soa unha páxina gloriosa da nosa historia cultural. Semella un milagre que viñesen á vida en datas tan parellas, que se encontrasen arredor dun proxecto común, poñendo por diante as afinidades fronte ás diferenzas, e que orientasen o seu inmenso talento a prol da cultura galega. 

Un grupo de homes novos, cultos, familiarizados con outras linguas e culturas, de formación cultural clásica mais coñecedores da creación innovadora contemporánea. Son inquedos e cren no seu potencial creador e transformador da sociedade onde lles tocou nacer e na que queren vivir en plenitude. Conectan ben, aquí e acolá, co tecido intelectual da época e participan nos principais movementos culturais, sociais e políticos da Galicia do seu tempo. Descobren o país, o pobo ao que pertencen, cunha lingua e cultura propias, e unha tradición secular única: un feito diferencial. Identifícanse como galegos e comprométense con esa causa, mais non para se recrearen no pasado dun xeito romántico e inmobilista: queren contribuír a crear a cultura galega, anovada no seu tempo.

O 30 de outubro celebramos o centenario da revista Nós, moito máis ca unha publicación emblemática que concentrou o ideario e pensamento desta xeración única, pois foi vehículo do seu proxecto de intervención cultural e contribuíu a definir ese “feito diferencial”, a identidade galega. Nós foi unha espléndida plataforma cultural que, sempre na lingua propia, atendeu ás máis diversas temáticas (arte, literatura, lingüística, etnografía, arqueoloxía, filosofía…); á creación literaria en todas as súas formas; ás artes visuais, coa concorrencia dos principais debuxantes e pintores; a ampliar o abano cultural con traducións, recensións, noticias…; incluso a normalizar a lingua na necesaria publicidade. Un proxecto nacional plural e integrador, aberto e cosmopolita. Mimado, acariñado, primoroso no fondo e na forma.

En Nós proclaman o carácter polimórfico da cultura galega, viva, vizosa, nun proceso de creación continua. Chaman a unir tradición con innovación, as fondas raíces da cultura diferencial coas vangardas artísticas, convencidos de que á universalidade só se chega desde a identidade. Defenden o europeísmo da cultura galega, atlántica, vinculada cos países celtas e nórdicos –con Irlanda como espello en que mirarse– e cos irmáns de Portugal, sen por iso renunciar á pegada da cultura clásica mediterránea; mais tamén, atravesando por Francia e Centroeuropa, con toda a cultura europea ata as estepas rusas. 

Por iso Galicia enteira, nunha soa voz, celebra o seu centenario. 

Desde o Consello da Cultura Galega traballamos activamente, todo o ano, no festexo da efeméride daquel milagre. Pareceunos que o mellor tributo que podiamos facer sería pór de relevo o seu pensamento inspirador e mostrar a vixencia do seu legado. E facelo ao estilo de Nós, con vocación de país e de xeito transversal, con iniciativas que traballasen desde a memoria viva e a conservada. Puxémonos na pel de Nós para repensar desde o seu legado e ofrecelo cunha nova ollada creativa. Seguen só algunhas mostras.

En abril abrimos Nós: de onte a hoxe, un espazo na rede para acceder a publicacións, conferencias, homenaxes, entrevistas e outros materiais que repousaban nos nosos arquivos. Desde ese especial escoitamos a Otero Pedrayo na propia voz, coma nesa conferencia de Bos Aires, fins de 1959, en que fala das relacións entre Galicia e a cultura europea, unha boa mostra do seu pensamento. 

Non esquecemos que os de Nós eran moito de andar, de coñecer o territorio a pé e de idear roteiros que aprecian o xeográfico desde o cultural, e viceversa. Por iso recuperamos algunhas desas iniciativas, coma a peregrinaxe de Ourense a Santiago dun grupiño deles, en xullo de 1926, polo vello camiño dos arrieiros; adaptámolo coa tecnoloxía de hoxe e a través das redes sociais demos conta, en tempo real, do periplo daqueles arrichados romeiros agardados no Pico Sacro polos mozos do Seminario de Estudos Galegos. Ou os roteiros de Os quixotes da Terra van de camiño, un percorrido por Galicia en sete etapas que Otero deseñou para Silvio Santiago nos anos 60; deitamos na rede os manuscritos, xunto cunha viaxe multimedia xeolocalizada e enriquecida con outros materiais. Non temos dúbida de que, se os de Nós dispuxesen dela, tamén aproveitarían a tecnoloxía para difundir a súa imaxe modernizadora. Anímense a seguir estes itinerarios culturais, de plena vixencia, cos seus móbiles!

Pedimos a doce personalidades da cultura galega, dos distintos campos do saber, que revisitasen a revista Nós con ollos actuais. Xurdiu así Olladas sobre Nós, unha lectura contemporánea desde o punto de vista científico, social, persoal ou cultural. E, co ánimo de divulgar o pensamento das figuras sobranceiras, creamos #citanós, unha idea de Galicia en citas de 240 caracteres recollidas en pequenas tarxetas para compartir nas redes sociais. 

Non podiamos deixar pasar a efeméride sen incorporarmos ao Álbum de Galicia os persoeiros vencellados á publicación. Por iso, está activo o Álbum Nós, colección dixital de biobibliografías, que nos achega ás individualidades deste colectivo sen o cal a imaxe de Galicia non sería como a percibimos hoxe.

Te puede interesar