CULTURA

Unha webserie galega figura entre as máis vistas de España

635645332911381158w
photo_camera Unha escea da webserie "Gafas e Pallasos".

Saturados do mercado existente, este grupo de mozos, de entre 21 e 25 anos de idade, idearon unha serie "de humor absurdo" ou "humor mierder"

"Gafas e Pallaso", a webserie ideada por seis estudantes galegos, con poucos medios e unha alta dose de imaxinación, corre como a pólvora pola Internet e colocouse na súa estrea como a segunda máis vista do panorama nacional nesta modalidade.

Detrás dos cinco capítulos, de dez minutos de duración cada un, en que participan personaxes tan coñecidas como o humorista Dani Mateo, o presentador galego da TVG Xosé Ramón Gayoso, ou as estrelas do YouTube Lory Money e Wismichu, escóndense dous anos de incesante traballo de alumnos de Comunicación Audiovisual e Publicidade que pretenden sacar adiante un proxecto totalmente seu e tentar diferenciarse do resto de webseries.

É o que explica Alexandre Pita, un dos produtores e guionistas do proxecto.

Saturados do mercado existente, este grupo de mozos, de entre 21 e 25 anos de idade, idearon unha serie "de humor absurdo" ou "humor mierder" como o prefiren chamar, e isto en galego, xa que era un ámbito no que, nesta lingua, aínda non se fixera nada, "este tipo de humor non existía", detalla Pita.

Tras afianzar a idea, chegaron meses "de moito traballo" e de moito amolar e pedir favores, xa que levar a cabo unha iniciativa como esta "sen financiamento é moi difícil", lamenta este mozo.

Non obstante, trátase dunha carencia que non impediu que o proxecto, que xa foi merecedor dun premio, conte con actores, maquilladores, figurantes, cámaras, deseñadores gráficos, e até artistas convidados, algo polo que os integrantes da serie "están profundamente agradecidos" a todos os que colaboraron con eles.

Así, con moito humor, moita vontade e tamén moita cara, "Gafas e Pallaso" superou as expectativas dos seus creadores, que agora esperan que o seu segundo capítulo exceda as cifras rexistradas polo primeiro, que obtivo 10.000 visitas en só unha única semana.

Por agora, non teñen ningún outro proxecto en mente, xa que continúan a traballar "en se daren a coñecer", algo que nun momento tan complicado para a industria audiovisual non é fácil, polo que advirten de que continuarán "metendo moita tralla", sobre todo a través das redes sociais, coas historias surrealistas dos dous personaxes, Gafas e Pallaso, que son postos a proba "unha e outra vez" ante situacións límites.

"Gafas e Pallaso" pretende ser un sopro de aire fresco que provoque gargalladas, e isto coas aventuras e desventuras de dous amigos que viven nun día a día con grandes proporcións do inverosímil e absurdo.

Abondan as parodias, os gags visuais, clixés, arquetipos megautilizados, a bizarrada, as parvadas máis parvas, o humor negro e, mesmo, sostén Alexandre Pita, "algunha pincelada de humor intelixente".

"Buscábase algo ameno e desenfadado", subliña, e pensando sempre no gozo do público, das masas.

Te puede interesar