Guardado: ‘Estamos mentalizados para conseguir un posto UEFA’

Andrés Guardado, durante un partido. (Foto: Archivo)
Andrés Guardado, centrocampista do Deportivo da Coruña, pode volver entrar no equipo despois de case dous meses parado este domingo, no partido contra o Racing de Santander, tras as boas sensacións que deixou hoxe nas probas realizadas por Lotina no adestramento.
‘A verdade é que estou moi ilusionado, levo xa sete semanas parado e estou desexando volver ao campo, e máis no Estadio de Riazor, coa nosa xente. Oxalá o míster pense en min para o domingo. Non creo que estea para xogar os 90 minutos, o coherente sería ir collendo ritmo xogando un pouco’, apuntou.

O mexicano tivera mala sorte cun par de lesións nas que recaeu a pasada campaña en partidos da Liga e amigábeis coa selección do seu país, pero esta vez tomou todas as medidas posíbeis para evitar que volva acontecer.

‘Mañá adestrarei igual, con normalidade pero con precaución, e imos ver como estou para a fin de semana. Estamos intentando non arriscar, non cometer erros que dean pé a unha nova lesión. Tomei todo con moita calma e tranquilidade para poder estar ao cen por cento. O equipo non necesita xogadores ao oitenta por cento’, indicou.

Guardado asegurou que aínda que o seu obxectivo é ‘quedar entre os seis primeiros’ non descarta apuntar a posicións de Champions e que todos os compañeiros están convencidos de traballar para gañar un posto en Europa.

‘Todos soñamos e ilusionámonos co lugar no que estamos e pensando ao que aspiramos. Está nas nosas mans continuar neste camiño e espero que o poidamos facer. O equipo está mentalizado para conseguir un posto na UEFA e a ver onde chegamos. O obxectivo principal é volvernos meter aí, aínda que agora por vía directa, e logo xa pensaremos en cotas máis altas. Conseguilo falaría dunha gran campaña do Dépor’, sinalou.

A seguir explicou as que, para el, son as claves para conseguir manterse na boa posición na que está actualmente o Deportivo, ou incluso mellorala, que pasan por facer da súa casa un fortín e continuar o bo momento dalgúns futbolistas.

‘Ao longo da tempada agás dous ou tres partidos sempre sacamos bos resultados aquí. Hai que seguir por ese camiño, que Riazor sexa moi difícil para os rivais e por aí poderemos chegar onde queremos. Ademais agora mesmo temos xogadores que están en forma e tamén o temos que aproveitar’, argumentou.

Desde a súa chegada á Coruña soou o interese de varios equipos en facerse cos servizos do xogador azteca, até o punto de que el mesmo se 'deixou querer', porén, actualmente, só pensa en branquiazul.

‘Non é algo que me quite o sono neste momento. Para min o máis importante é estar ben para o Deportivo, que é o equipo ao que pertenzo. Non teño ningunha necesidade de marchar de aquí, estou moi cómodo, estou moi agradecido coa xente de aquí e xa veremos que pasa co futuro’, concluíu.

Te puede interesar