Presidente da Fegamp

Carlos Fernández: ’Á conselleira de Vivenda foiselle das mans o decreto do hábitat, por unha certa soberbia’

Carlos Fernández, presidente de la Fegamp.
O presidente da Fegamp, o socialista Carlos Fernández, cree que á Consellería de Vivenda se lle foi das mans o Decreto do Hábitat e rexeita que invada competencias en urbanismo.
Carlos Fernández, presidente da Fegamp e alcalde de Ames (PSOE), participou onte nunhas xornadas de formación do profesorado na Facultade de Empresariais, organizadas polos profesores Alberto Vaquero e Santiago Lago, baixo o título ’Os desafíos dos municipios galegos. A perspectiva da Fegamp’.

A súa elección como presidente da Fegamp non foi por unanimidade. ¿Afecta á relación cos outros grupos? Había un contexto proclive a unha elección en candidatura única e por unanimidade, cousa que só se producira unha vez. Era desexable pero, como non foi posible, votouse. A partir de aí, empezamos a traballar e imos con normalidade. A maioría dos acordos son por unanimidade, creo que só cunha excepción, a de presentar recurso contra as normas do Hábitat, con 15 a favor e dous en contra (BNG).

Recentemente tiveron varios desencontros co BNG.

A relación co BNG dentro da Fegamp é normal, de conversa e coincidencia na maior parte dos asuntos, ó igual que co PP. Como partido, non teño nada contra o BNG, nin interese en confrontar. Outra cousa é que determinadas decisións estean cuestionadas pola Fegamp, pero non son actitudes persoais miñas. Xa sei que me chaman ’ariete’ e outras cousas, pero o recurso ás normas do Hábitat non é meu, é da comisión executiva da Fegamp. Pido respecto, porque se ningunea ó resto dos membros da comisión.

¿Seguirán adiante co recurso contra o Decreto do Hábitat? Nós estamos dispostos a dialogar, intentamos facelo antes de interpor o recurso, antes de ratificar a demanda. Enviei unha carta á conselleira hai un tempo, non tiven resposta formal. Neste periodo produciuse unha negociación entre Fegamp e a consellería (sen a conselleira), polo anteproxecto de Lei de Vivenda de Galicia, que remataron coa modificación de 29 artigos, como consecuencia do diálogo. Se fomos quen de facelo coa Lei de Vivenda de Galicia, ¿por que non co Decreto do Hábitat? Seguimos dispostos a falar.

¿Cales son as discrepancias? Invade competencias dos Concellos, porque intervén no planeamento, e as competencias de urbanismo, ou son dos concellos ou da COTOP, pero non de Vivenda. E infrixe a xerarquía normativa, porque un decreto se entromete nunhas competencias otorgadas por unha lei, que é de rango superior. Tamén impón ós concellos novas responsabilidades, pero non nos compensa para asumilas.

Recibiron acusacións de estar en contra das melloras que introduce na calidade das vivendas.

Nós somos os primeiros en defender a calidade da vivenda. Non nos alineamos con ninguén; defendemos os intereses dos concellos. Algúns tiveron serios problemas para sacar adiante o seu plan xeral. Agora, ¿que gracia lles fai que un simple decreto interfira no planeamento? É moi serio e iso merece unha reflexión máis pausada por parte da conselleira, non unha postura tan soberbia.

¿Como afecta ó planeamento? Hai que pensar se o planeamento está preparado para o decreto. ¿Cantos concellos hai que no seu planeamento entre catro rúas teñen unha mazá pechada? Pois as vivendas que dan a esa mazá, desaparecen. Vai haber sectores inviables, que non é rendible ou posible desenrolalos. A solución é a excepcionalidade, que a concede a conselleira. E terán que pasar todos a rendir cortesía: ’Señora conselleira, a ver se me firma a excepcionalidade’.

¿Como afecta a crise ás arcas municipais? Os concellos que recibían eses recursos de proxectos urbanísticos verán que disminúen. Nos orzamentos de 2008 moitos xa reduciron a súa previsión de ingresos. Pero o Decreto do Hábitat acaba de facernos un gran favor. Os promotores apuraron os proxectos para presentalos antes do 17 de abril. No meu Concello (Ames) viñamos concedendo licencias para 520 vivendas anuais; pero en 2008 xa van 1.400 vivendas. A previsión dos nosos orzamentos xa está cumprida, pero ten unha lectura negativa para a sociedade: o Decreto do Hábitat vai tardar anos en xeralizarse, porque xa temos para tres ou catro anos. Esto debe facer reflexionar á consellería. Creo que se lle foi das mans, por unha certa soberbia.

Moitos concellos aínda seguen sen planeamento. ¿Hai disposición a renovalos? Abriuse unha liña de máis colaboración para que todos teñan planeamento; non é desexable que non o teñan. Pero, máis que facilitalo pola vía económica, a min preocúpame a vía administrativa e técnica, que por un informe non quede colapsado meses ou anos.

Tamén se produciu outro desencontro co BNG sobre a lei de Servizos Sociais.

Ó principio, as discrepancias eran moitas, pero achegáronse posturas, cunha excepción: a obligatoriedade de que os Concellos reserven unha determinada porcentaxe do orzamento para servizos sociais. Unha lei autonómica non pode impor eso, porque entón outras consellerías poderían impoñer tamén que se lles adique outro tanto por cento a cada unha. ¿Que quedaría da autonomía municipal? Non pode ser así; sentémonos e falemos.

Tamén hai roces coas galescolas.

Temos queixas, pero non detectamos un problema xeralizado, polo que quero ser pru dente. Por acordo da executiva, iniciamos consultas para ver se hai problemas xerais e entón posicionarémonos.

¿Como marcha a aplicación do pacto local? Producíronse avances, con desigual fortuna, Hai acordos en Educación, e avances con Sanidade, Economía... Con todo, acabamos de volver a crear as comisións de seguemento e a nosa folla de ruta pasa por avanzar no seu desenvolvemento e preparar xa o seguinte.

Os presidentes das Deputacións reclaman máis colaboración na Fegamp. Estámola propiciando. Os presidentes das Deputacións de Ourense e A Coruña si me pediron que se tivese máis en conta ás Deputacións. Estamos estendendo a relación e a ver se somos capaces de plantexar proxectos en común.


Te puede interesar