EN CONFIANZA

Éric Dopazo, reivindicando desde a escrita á música

Éric Dopazo
photo_camera Éric Dopazo
O autor acaba de publicar un libro en colaboración coa ilustradora Bea Grégores, sobre Eduardo Blanco Amor, que trata temas como estereotipos, roles de xénero e redes afectivas

Éric Dopazo e a ilustradora Bea Grégores veñen de publicar un libro sobre Eduardo Blanco Amor. Un libro que, desde a súa fácil lectura, leva a profundizar en temas como os estereotipos, os roles de xénero ou das redes afectivas. Máis alá desta faceta temos a un Éric Dopazo músico, que, con Piratas sen Parche sorprenden con versións aptas para calquera tipo de evento e temas de composición propia, onde sae a vea máis reivindicativa do grupo para achegar a través da música mensaxes para todos aqueles que se deteñen a escoitalos.

Acaba de publicar un libro ilustrado, fálenos de como xurdiu a idea e de que trata.

O libro conta a vida do Eduardo Blanco Amor de xeito distendido, e aínda parecendo simple por estar destinado á xente nova, contén detalles que son a escusa perfecta para falar en máis profundidade de temas coma o amor, a memoria histórica, os roles de xénero, a diglosia, os estereotipos, a importancia das redes afectivas...

Cóntenos algo máis polo miúdo.

A obra tivo dúas nais, e tanto Bea Gregores (a ilustradora) coma min estamos de acordo en que fomos quen “asistimos o parto tentando non desmaiarnos”. Por unha banda, boa parte do que aprendín do Blanco Amor foi grazas á labor incansable da Ximena Ataide e da Comisión de Sexodiversidade da Galleira (a que organiza o Orgullo xunto con Avante Ourense). Cando me interesei polo activismo, a Ximena contoume algo que aínda hai xente descoñece: Blanco Amor era homosexual, e isto afectoulle á súa obra de xeito innegable. Blanco Amor tamén consagrou boa parte da súa vida a que a xente recordara a Lorca na súa totalidade: un escritor homosexual. Sería bastante inxusto ignorar unha parte importante da personalidade de Blanco Amor só porque algunha xente se sinta incomodada ó ver que hai moitos xeitos de vivir, alén dos que se presupoñen universais.

Falaba doutra persoa que tamén axudou a facer realidade este proxecto.

Si. A outra nai do proxecto foi Eva Mejuto, que me encomendou a misión porque sabía do meu respecto pola figura de Blanco Amor dende que no 2022 Piratas sen parche (o grupo no que canto), sacamos a canción e o videoclip “Eduardita” na súa honra. É un regalo poder ser parte da recuperación da figura dun home irreverente que foi sempre fiel a si mesmo, malia arriscar a vida tendo todo en contra.

Fotograma de "Eduardita"
Fotograma de "Eduardita"

As ilustracións son unha parte importante, quen se encargou desta parte e que buscan reflexar?

Son froito do traballo da Bea Gregores, e nas súas palabras: “buscan reflexar dinamismo e a figura dun creador que foi moi castigado na súa época, así como achegarlle á cativada a súa faceta persoal e a profesional.” Eu só podo dicir que cando vin o nivel de detalle, púxenme moi contento, e mira que podo ser repunante! (risas). Sinto que captan con moita delicadeza os fotogramas dunha vida que por momentos debeu de ser difícil: axúdanos a ver a beleza mesmo na hostilidade.

Por outro lado, a súa faceta de músico. Como comezou?

De pequeno, na Banda de Gaitas O Castelo tiven a sorte de ter un profesor incriblemente paciente: David Rodríguez Iglesias (Bis), que celebraba cada avance e que me fixo sentir que aínda sendo máis pequeno eu ca gaita, se practicaba, sería quen de facela sonar.

Actuación da banda (Amandi Fotografía)
Actuación da banda (Amandi Fotografía)

Que é Piratas sen parche?

Piratas sen parche é a banda na que canto actualmente: un proxecto que non segue modas. Tocamos versións en vodas e eventos no verán, pero tamén facemos temas propios. De feito, publicamos o EP “Sobrábannos ganas” recentemente, co baixo de Diego P. Castro, as percusións do Kinhos Saburido, e a produción e guitarras do Jose Gayoso.
Gravámolo de xeito o máis orgánico posible, e nel falamos de temas que poden ser incómodos pero que consideramos vitais, coma o amor propio (en “Gorda”), o caciquismo (en “Pereiro Prison Blues”), ou a nostalxia selectiva (en “Bibosi e motacú”).

Como definiría o seu estilo?

O noso estilo é non ter estilo. Non eliximos: mesturamos o que nos gusta. Pero por facilitar a clasificación: bebemos do folk-rock de raíz norteamericana cos pés chantados en terra galega. Así, facemos temas en galego que son ben acaídos para escoitar no coche ou na ducha. Hai quen os escoita conducindo mentres se imaxina facendo a Ruta 66... pero na A-52 (risas).

En que se inspira?

Aínda que o proxecto está asentado nunha distopía chamada “Horrense”, en ocasións recorremos a figuras recoñecidas no panorama galego, coma Bernardino Garrido ou o Pemán. Temos unha cultura moi rica e cumpre que a romanticemos e valoremos. Facemos música para que a xente queira bicarse no espello.

Que sente cando ten frente ao público?

A fortuna inmensa de estar vivo e poder sentir medo e alegría a partes iguais.

Cales son os seus próximos proxectos?

Teño en mente unha xira de presentacións do libro e outra do EP de cara o mes de setembro.  Ata alá iremos sacando máis cancións e pouco a pouco van xurdindo datas que imos pechando. Estamos moi ilusionados! 
No que atinxe ao libro, seguramente haberá presentación en Madrid… ata aí podo ler… 

Te puede interesar