DÍA MUNDIAL DO EMPRENDEMENTO

Día Mundial: Polos de emprendemento, unha rede de apoio para xerar emprego e riqueza no territorio

Ana Álvarez, fundadora de Alloa.
photo_camera Ana Álvarez, fundadora de Alloa.
A Xunta ten en marcha un total de 13 espazos para asesorar os proxectos de emprendemento en calquera fase en que se atopen

A Xunta tiene en marcha un total de 13 Polos de emprendemento e apoio ao emprego dispoñibles para asesorar os proxectos en calquera fase en que se atopen, de principio a fin, co obxectivo de xerar riqueza e postos de traballo que dinamicen a economía. Posta en marcha hai case dous anos, a Rede atendeu xa arredor de 1.600 iniciativas e a previsión é abrir dous centros máis.

A provincia de Ourense aglutina catro Polos -Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Baños de Molgas- e a de Pontevedra dous -Silleda e O Porriño-, coa previsión de inaugurar en breve outro en Vilanova de Arousa. Mentres, na Coruña están os centros de Ferrol, Coristanco e Melide e na de Lugo os da Fonsagrada, Monforte de Lemos, Mondoñedo e Friol, á espera de abrir un máis en Sarria.

O obxectivo é facer dos polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado. Das arredor de 1.600 iniciativas empresariais atendidas ata o de agora destacan o sector servizos (17%), seguido da hostalaría e o comercio.

Coas persoas emprendedoras que teñen acudido á Rede -un 60% delas mulleres- lévanse realizado arredor de 4.600 titorías, máis da metade de xeito telemático. No conxunto de Galicia, téñense producido ademais preto de 400 reunións con entidades do territorio, case un cento de accións de formación e máis de cen eventos, ademais de ter participado noutro medio cento de eventos externos.

En Ourense, a Rede leva atendido máis de 320 proxectos, un 59% deles impulsados por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e do comercio. Mentres, en Pontevedra aglutínanse arredor de 380 proxectos, un 62% promovidos por mulleres.

Los emprendedores

Algúns dos participantes destes Polos son Antonio Vilanova, Ana Álvarez e Nerea Díaz, que buscaron apoio na rede para poñer en marcha os seus proxectos empresariais. No caso de Antonio Vilanova e a súa muller, para poñer en marcha un centro de audiopróteses e psicotécnico en Maceda, a onde chegaron tras vivir en Mallorca e Barcelona, para achegarse ás súas raíces familiares. Na vila ourensá atoparon unha oportunidade de negocio polo seu carácter rural e as mellores condicións de aluger de espazos. Da man da Xunta, comezaron co seu estudo de negocio en outubro de 2022 e abriron as portas do centro en agosto de 2023. Encamiñados xa cara ó primeiro aniversario “moi contentos e coas expectativas superadas”. A misión é agora seguir medrando.

Antonio Vilanova e Maryory Gómez, do centro Audycond.
Antonio Vilanova e Maryory Gómez, do centro Audycond.

A aposta polo rural foi o que moveu tamén a Ana Álvarez con Alloa, unha marca de cosmética natural que recolle a esencia da natureza onde se produce. Criada en Almería pero natural de Ourense, a emprendedora busca ofrecer un impacto positivo cos seus produtos. Elaborados con plantas e especies típicas da zona, a colección Sarreaus -a primeira que sacou- preséntase acompañada dun traballo etnográfico que recolle a memoria dos veciños e os seus costumes. Malva ou melisa son algunhas das variedades que contén. Sostenibilidade, natureza e “darlle voz ós pobos” son as bases da filosofía de Alloa, que conta cunha segunda colección centrada en La Noguera (Lleida). No seu caso, a participación nos Polos “axudoume moitísimo para ter unha visión externa e novas ideas”.

No caso de Nerea Díaz, foi a súa vocación do ensino a que a levou a crear o espazo Irmanais en Pontevedra, explorando “outras formas de acompañar ás familias” na formación dos máis pequenos. Ademais de escola infantil, conta tamén con espazos que van dende o embarazo ata reunións de movemento e xogo libre. Para iso combina diferentes métodos educativos, como Montessori ou Waldorf, e ofrece unha oferta flexible centrada en “cubrir as necesidades reais das familias”. Este é o primeiro curso de funcionamento e amósase “moi contenta” da acollida que ten. O seu proxecto chegou xa avanzado ós Polos, pero “tiven un asesoramento incrible que me axudou moito”, explica.

Nerea Díaz no espazo Irmanais de Pontevedra.
Nerea Díaz no espazo Irmanais de Pontevedra.

O plan de remuda

Ademáis, no marco da Rede de polos de emprendemento está en marcha un Plan de remuda co gallo de garantir a continuidade dos negocios. É o persoal desta Rede o que se encarga do acompañamento asesorando, axilizando e facilitando estes procesos de remuda ou de transmisión de negocios, téndose incluído ata agora preto dun cento de proxectos que buscan persoas novas que collan as súas rendas no conxunto do territorio galego mediante a venda ou o aluguer.

Tanto os que precisen traspasar os seus negocios como os interesados en facerse cargo deles poden acceder a unha web activa (https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios). A iniciativa acompáñase dunha guía explicativa que se está a distribuír de xeito físico. Ademais, nos próximos meses convocarase unha orde de axudas específica para impulsar os procesos de remuda xeracional, dirixida a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios.

Axudas de impulso

As persoas e entidades emprendedoras teñen múltiples axudas ao seu dispor, entre as que destaca este ano a cota cero dispoñible para novas altas de persoas traballadoras autónomas, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro. Trátase dunha partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os doce primeiros meses de actividade. Forma parte dos 28,9 millóns convocados para, ademais, financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia.

A maiores, ata o 28 de xuño pódense solicitar as achegas que cun orzamento de 6,5 millóns de euros beneficiarán as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego. O obxectivo é impulsar o emprendemento mediante o financiamento dos custos de adquisición de equipamento informático ou para eficiencia enerxética, entre outras cuestións.

Mirando ás persoas autónomas, ata o 30 de setembro pódense solicitar tamén as axudas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan incentivar a contratación por parte dos autónomos do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, cunha maior contía se contratan mulleres

Así mesmo, hai dous programas máis de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros. Diríxense, por unha banda, aos traballadores autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses e, por outra, axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade.

Asemade, entre outros, o Goberno galego habilitou un investimento de un millón de euros para que os autónomos con fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten cos apoios necesarios para contratar.

Te puede interesar
Más en Especiales