Román Rodríguez : “Cómpre adecuar a FP ao territorio, o impulso nas áreas rurais é clave”

Román Rodríguez, no seu despacho en Santiago.  PEPE FERRÍN
photo_camera Román Rodríguez, no seu despacho en Santiago. PEPE FERRÍN
Entrevista en profundidade ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez

A Formación Profesional é unha revolución silenciosa que avanza a pasos axigantados. A provincia dispón este curso de 4.000 plazas en ciclos, 600 máis que o ano pasado e o dobre que hai una década. No caso da FP Dual, que permite aos estudantes formarse e traballar á vez no sector para o que se preparan, o crecemento é máximo.

Hai doce veces máis alumnos que hai 10 anos. A aposta da Consellería de Educación, que dirixe o lalinense Román Rodríguez, por esta modalidade formativa consolídase en Ourense coa posta en marcha do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, do que ofrecerá novidades no Foro La Región que protagoniza o próximo mércores 14, baixo o título “FP, a outra alta velocidade”.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, presentará ao ponente. A conferencia-almorzo será no restaurante A Carballeira de Santa Cruz (Santa Cruz de Arrabaldo), previa invitación, ás 13,30 horas. Poderá seguirse na web de La Región.

Que froitos está dando a inauguración do Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros? 
É un centro practicamente único en toda España, só hai algo comparable no País Vasco. Temos xa proxectos en marcha con empresas e sectores produtivos que comezarán a desenvolverse de xeito inmediato. O equipo directivo do centro está xa nomeado e estase a traballar para que ao longo do ano 2023 poida dar xa froitos.

Que temáticas se traballan?
Hai catro áreas. Innovación aplicada, emprendemento industrial, formación especializada e comunicación estratéxica e internacionalización.

O compromiso é só de empresas de Ourense e Galicia ou vai máis alá?

Estamos traballando con empresas locais e algunhas nacionais. Todo son pasos incipientes para lograr que o centro dea respostas ás necesidades do tecido produtivo máis próximo como ao conxunto de Galicia, porque é un centro para Galicia. O entorno próximo verase beneficiado pero traballarán profesores e empresas de toda Galicia.

Se a FP é a alta velocidade, a FP Dual que é? É o futuro?

Si, o futuro é a FP dual e o futuro son os cursos de especialización, os másteres da FP. Sen esquecer nunca algo fundamental que é a FP Básica, que está posibilitando incorporar ao mercado laboral a estes alumnos. O obxectivo fundamental sería avanzar na FP Dual porque ten a maior interrelación cos sectores produtivos.

A FP medrou en oferta, pero hai ciclos aos que lles custa encher matrícula. Precisan unha volta de torca?

O mapa de ciclos é amplísimo. É lóxico que en función de aspectos que moitas veces non teñen que ver coa demanda laboral, hai ciclos con maior demanda. En xeral, hai gran demanda de tódolos ciclos de FP. Este ano temos o maior número de alumnos da historia de Galicia, máis de 61.000. No ámbito da construción teñen altísima taxa laboral e non se cobren as prazas. E noutros ciclos, por cada praza ofertada hai cinco solicitantes.

Como atraer alumnado a eses ciclos que teñen máis que ver co tecido produtivo da súa zona e, con todo, non arrancan?

Intentamos adecuar a nosa oferta formativa á realidade produtiva dos territorios. No Ribeiro ten que haber un ciclo vencellado co viño e así o fixemos. Cómpre adecuar a oferta educativa ao territorio. O mellor indicador de que as cousas se están facendo cunha boa lóxica é a empregabilidade dos alumnos. A taxa de inserción laboral media é do 85%, altísima. Pero na FP dual é prácticamente do 100%. En pouco máis dunha década pasamos dun 30% de empregabilidade a un 85%. É un salto cualitativo altísimo e non é casualidade. Fíxose unha renovación dos ciclos, apostouse pola innovación, pola conexión directa coas empresas. Temos que seguir traballando nesa liña. Un dos aspectos que imos desenvolver ao amparo da actual estratexia de FP é o impulso de plans territoriais e sectoriais da FP. Imos planificar segundo as características do territorio. 

No rural, espéralle futuro á FP?

Impulsar a FP nas áreas rurais é un dos puntos claves da nova estratexia da FP. Calquera comarca de Galicia ten un instituto que imparte FP, son 78 institutos rurais. O 70% das prazas de FP ofértanse en áreas rurais. É obvio que hai maior demanda nas áreas urbanas, pero outra das grandes potencias da FP é que chega a todo o territorio. A FP rural é moi potente.

Haberá máis cursos de especialización?

A tendencia é que sigan medrando, porque son moi especializados. É básico que haxa implicación da empresa, xa estamos traballando coas empresas para que orienten estes másteres. Temos que estar da man das empresas para estar na vangarda absoluta da FP e formar técnicos moi especializados.

Asunto educativo polémico é a Selectividade. Que opina de tantos cambios?

O Ministerio, unha vez máis, está errando no diagnóstico e na proposta de solucións. A Selectividade actual tiña un problema, que xera desigualdade entre os alumnos. O Sistema Universitario de Galicia ten unha única porta de entrada para todos os alumnos de España. Pola contra, os exames de acceso son diferentes. Iso xera desigualdade. Un alumno de Ourense debería ter as mesmas oportunidades que un de Soria ou de Huelva. Propúxose que era necesario facer unha ABAU única. A nova proba que se propón non só non corrixe esa situación, senón que a incrementa. Vai xerar unha posible perda de calidade e unha depreciación de certas materias de estudo.

E poder pasar de curso con todas suspensas, que lle parece?
É unha proba máis da falta de sentido da actual política educativa do Goberno central. Galicia non pode ser un país de aprobado xeral, a curto e medio prazo son consecuencias pésimas. Somos absolutamente contrarios a que se poida promocionar de curso sen ter un mínimo de competencias adquiridas. Non pode ser igual estudar que non estudar e aprobar que non aprobar. Se non somos capaces de transmitirlle aos mozos a cultura do esforzo e da responsabilidade, estaremos forxando unha sociedade enferma para o futuro. O feito de que deseñamos un sistema de aprobado xeral vai en contra dos valores que debe ter unha sociedade democrática.

Que obras prevé en Ourense a Consellería de Educación?
A Xunta ten en marcha 18 grandes actuacións por importe de 10,4 millóns en distintas fases. Estas súmanse ás pequenas obras realizadas no verán: 62 actuacións na provincia por importe de 1,1 millóns. E ás obras que temos en carteira: seis proxectos en preparación por importe de 5,6 millóns.

Que saben da investigación do neno falecido pola caída dun muro no Sexto Instituto?

O único que sabemos é que hai investigación xudicial aberta, non temos comunicación oficial ao respecto e sabemos a información que no seu momento nos transmitiu o equipo directivo, os usuarios do pavillón e a información que transmitiu o xefe de bombeiros. Ofreceuse sempre colaboración total para que a investigación conclúa con este tan desgraciado suceso. Quero agradecer a reacción que tivo toda a comunidade educativa do centro e a de Ourense en xeral.

A xuíza non pediu á Consellería colaboración de ningún tipo? Non lles pediron informes?

Non temos constancia.

Te puede interesar