Rogelio Santos: "Estamos no momento da historia no que menos peixe hai nos océanos”

photo_camera Continúa una nueva temporada del Foro La Región y lo hace a las 20,30 horas de este jueves con la ponencia del marinero y divulgador Rogelio Santos, que será presentado por la meteoróloga Susana Bayo.

Rogelio Santos puxo en valor o traballo de mariñeiros e agricultores, que son “tan importantes” coma médicos ou avogados

Rogelio Santos Queiruga trouxo “o mellor do mar a Ourense”. Coa súa participación no Foro La Región celebrado onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel ás 20,30 horas, o mariñeiro tratou de resumir en hora e media a súa relación co mar, unha relación laboral, pero tamén moi persoal e única. “Hoxe hai grandes profesionais en todas as materias, e moitos deles sono grazas a pais, avós e bisavós que traballaron moitísimo para poder sacalos adiante. No mar pasou igual”, recoñeceu un emocionado mariñeiro mentres recordaba a historia do seu bisavó.

Santos foi presentado pola física e meteoróloga de Telemiño, Susana Bayo, quen destacou do mariñeiro as súas dotes comunicativas e a importancia de figuras como a do divulgador para que a xente coñeza de primeira man o oficio do mar. “Fillo, neto e bisneto de mariñeiros”, Bayo destacou tamén o inconformismo do conferenciante, xa que, despois de ter que deixar os estudos de novo polo falecemento de seu pai, volveu á escola para formarse. Este último evento foi o que converteu a Rogelio Santos Queiruga nun dos influencers en galego máis seguidos do mundo. Ademais, a relación entre Santos e Bayo vai máis alá do Foro, xa que a meteoróloga é unha das fontes informativas do divulgador.

A conferencia comezou coa proxección dun vídeo das redes de Santos, no que se trata a cuestión da pesca sostible. Nel exponse o problema da falta de peixe que afecta a todo o mundo, pero, como ben di, “se non hai peixes no mar, os mariñeiros non temos con que gañar a vida”. Ademais, tamén se pode comprobar a paixón e o vínculo que une ao mariñeiro co seu medio.  A continuación, Rogelio Santos explicou a súa visión da pesca, moi baseada no respecto ao medio e aos demais. “Se cumprir as normas é ser ecoloxista, eu son ecoloxista”, afirmou.

“Houbo unha época na que se pensaba que o mar era un pozo sen fondo, no que nunca se ía acabar o peixe. Tanto era así que había moitas especies que non se comían como o polbo ou a raia. Pero iso si, aos galegos ninguén nos regalou nada e conquistamos moitos mares e moitas formas de extraer o produto do mar”, así comezou a explicación de como Galicia se converteu nunha das potencias mundiais da industria pesqueira.  Pero, despois deste inicio, lanzou un aviso claro: “Estamos no momento da historia no que menos peixe hai nos océanos, aínda con todas as normas de sostibilidade que hai hoxe en día”. Galicia ten unha das normativas máis estritas do mundo en materia de sostibilidade pesqueira e, con todo, “seguimos pescando de máis”. 

Iso si, Santos lanzou unha mensaxe en defensa dos mariñeiros, xa que, “si, aínda hai responsables e furtivos, pero a gran maioría dos mariñeiros cumpren as normas”. Precisamente este tema foi un dos que motivou a Rogelio a comezar co seu traballo de divulgación. 

Outro dos temas que tocou o mariñeiro foi o cambio climático. Este fenómeno non só afecta ao clima, tamén ao mar. Na costa galega é moi típico o vento do nordés, que remove a auga e enche de nutrientes a auga das rías. “Co cambio climático, este vento é menos frecuente”, afirmou. Este cambio climático é o responsable de que haxa especies novas ou a chegada de pragas como as medusas.

 Prezos

“O peixe non vai ser máis barato. Teremos que acostumarnos a que as sardiñas sexan coma as robalizas de antes” a nivel de prezo. Iso si, lonxe de facer alarmismo, asegurou que “non imos deixar de comer peixe. Comerémolo máis caro e menos, pero seguirémolo comendo”. Outro problema en cuestión de prezos é “o que se paga ao consumidor”. “Estou seguro de que a ninguén lle molesta que o mariñeiro reciba o que merece”, dixo. 

O terceiro tema do que falou o mariñeiro foi a criminalización da pesca, da agricultura ou da gandaría, actividades que defendeu afirmando que “mala non é a pesca, a agricultura e a gandaría, malo é arrasar co planeta”.

Por último, rematou poñendo en valor o oficio que ama: “Tan importante é un gandeiro ou un pescador coma un médico ou un avogado”.

Te puede interesar