Foro La Región

Francisco Rodríguez: “Os historiadores españois ocultan a importancia do Reino de Galiza”

Francisco Rodríguez repasou a historia medieval facendo unha crítica á versión oficial e reivindicando o peso político do país

A época medieval foi o momento histórico no que Galicia tivo independencia e poder político e social, converténdoa nunha das mellores etapas, senón a mellor, do país; aí puxo o foco o poñente do Foro La Región, Francisco Rodríguez, que presentou o seu último libro no que aborda a etapa medieval dende unha perspectiva galeguista. O poñente estivo presentado polo edil e portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara, quen destacou de Rodríguez o seu exercicio de recuperación da “historia silenciada de Galiza”. Seara destacou que “traballos coma este, dando voz aos vencidos, en lugar dos vencedores” axudan ademais a recuperar unha “historia propia”, “silenciada polos medios oficiais, xa que a historia de Galiza non pode convivir coa de España salvo que sexa coma un apéndice”.

Francisco Rodríguez comezou a súa intervención tildando de “triste” que “con máis de 70 anos, aínda siga descoñecendo moita parte da historia do meu país”. Argumentou que, aínda hoxe, “Galiza está silenciada dentro das escolas”. “A ignorancia sobre o pasado de Galiza na Idade Media é alarmante, pero tamén lóxica, xa que non hai ningún plan de estudos nin institucións que busquen recuperar este pasado”, subliñou o exdirixente da Unión do Povo Galego.

Rodríguez explicou que “se as políticas propias de finais do século XIV fracasaron non foi por conflitos internos, senón pola invasión dun exército plurinacional financiado polo papa”. Estas políticas estaban orientadas cara Portugal e o mundo atlántico, potenciando o comercio con Inglaterra e tamén facendo unha variación do feudalismo, aliándose os nobres coa burguesía das cidades. Ademais, tamén había unha convivencia armónica co mundo musulmán, “algo que non se concebía na península”.

Ocultación da historia

Sobre algunhas fontes empregadas para a elaboración do seu libro, criticou a historiografía española, que “aínda que hai autores que recoñecen os feitos como eran, adáptanos á historia oficial, ocultando sempre a existencia de Galiza como unidade independente ou mesmo chamándolle Reino de Asturias aínda que todo o peso político, demográfico e cultural estivera en Galiza”. “En todos os documentos da época queda claro que existía o Reino de Galiza, pero, por que se nega de forma reincidente, que eramos un reino medieval de moita importancia”, sentenciou Rodríguez.

Para Rodríguez, o máis sorprendente despois de documentarse era que “o reino cristián orixinario na península era Galiza”. O que para Rodríguez non ten xustificación que “Galiza se conforme con ser un apéndice de Asturias, xa que o peso real estaba na Gallaecia”, indicando que non se sostén na documentación da época. Ademais, tamén subliñou que “non había ningún poder político entre os reinos de Galiza e de Navarra”, facendo referencia á irrelevancia e posterior aparición do reino que despois absorbería aos demais, o de Castela.

“A etapa de esplendor, no tempo dos reis Fernando II e Afonso VIII, que eran galegos, non leoneses, ten momentos estelares marabillosos”, apuntou Rodríguez, que proseguiu abordando algún deses fitos, como a finalización da catedral de Santiago como un dos momentos álxidos da época.

A separación entre Portugal e Galiza foi “moi grave para ambas partes”, porque á parte que hoxe é española deixouna “moi debilitada” e á parte independente “quedou nun tamaño demasiado pequeno para poder desenvolver políticas peninsulares”. A separación iniciouse polas desputas entre as igrexas metropolitanas de Braga e Compostela, acompañada da política papal, e por último da ruputura da clase dirixente galaico-portuguesa, que se mantivera unida ata aquel momento. “O curioso é que nunca houbo unha guerra como tal, a excepción de desputas familiares”, indicou.

Así, Rodríguez resumiu a conferencia en “facer entender que tivemos clase dirixente propia, poder político, fomos o primeiro lugar en acuñar moeda cristiá, tivemos a lexitimación relixiosa, tivemos realeza propia. Por isto é hora de recuperar a nosa historia que acompañe ao noso esplendoroso patrimonio”. “Non podemos comulgar con este barrido á nosa historia, ocultada por España”, finalizou.

Relevancia

O poñente do Foro La Región argumentou a importancia na historia medieval do Reino de Galiza, baseándose na demografía. A finais do século XIV, a rexión que ocupaba ese reino era unha das máis importantes de Europa a nivel poboacional, xa que contaba con preto dun millón de habitantes, “unha absoluta barbaridade para a época”. Rodríguez foi máis aló e asegurou que no século XV, este número creceu ata o millón e medio de poboadores, facéndoo unha das rexións máis importantes da Europa do seu momento.

Te puede interesar