Montse Merino: "A música actúa, a nivel químico, de forma tan potente como un fármaco"
Entrevista en profundidade coa musicoterapeuta Montse Merino, protagonista do próximo Foro La Región
Montse Merino, protagonista do próximo Foro La Región, é unha das máis reputadas musicoterapeutas en toda España e unha das que máis percorrido ten en Europa. A súa traxectoria arrancou no 1993 e leva 30 anos sendo unha referente no seu eido.
Única española participante no “10th Nordic Music Therapy Conference 2022” en Helsinki (Finlandia), onde presentou o deseño e a creación dunha aplicación e un software específico para o diagnóstico e tratamento con musicoterapia científica aplicada, a rama á que adicou a súa vida. Ademais, no ano 93, a través da Concellería de Educación do Concello de Ourense, traballou como fundadora e única profesora da Escola Municipal de Música. Agora, Merino exporá os seus amplos coñecementos sobre os usos terapéuticos da música no Foro La Región, que se celebrará este xoves, 2 de marzo, no centro cultural Marcos Valcárcel, ás 20,30 horas.
Que é a musicoterapia?
É o uso do son e a música coa intención de mellorar a saúde das persoas. Debe estar sempre aplicada por un profesional. Por exemplo, en Galicia está recoñecida como profesión sanitaria.
É unha especialidade médica?
Xa se estuda a nivel de grao e mestrado en varios países. Está totalmente integrado no sistema sanitario do Reino Unido, por exemplo. É unha especialidade que se pode aplicar a moitas doenzas, dende o estado de coma, pasando pola saúde mental ata os pre e os postoperatorios.
Cales son os seus principios básicos? É empregar a música como menciña?
Si. Eu falo da musicoterapia científica aplicada, que é unha corrente dentro da musicoterapia. Empregamos como canle o son e a música e o que eu propoño é un marco teórico no que estudo os parámetros do son, da música e das vibracións e a súa relación co sistema nervioso. Estes elementos resoan nas persoas a nivel físico, fisiolóxico e emocional. Precisamente, esta última é a parte máis coñecida da música.
Din que a música pode espertar recordos esquecidos. É iso certo?
Si, pode abrir canles que saquen á superficie recordos ou sensacións esquecidas. Está completamente comprobado e argumentado.
Hai algún tipo de paciente no que funcione mellor a musicoterapia? Penso en nenos ou nos maiores.
Depende. No caso dos nenos, son persoas por construír. Ás veces pensamos que un adolescente é rabioso porque o decide, pero non ten porqué ser así. Os máis novos teñen as capacidades por activar e a música acompáñaos a estruturar o seu crecemento. En Valencia estanse impartindo clases nas que os adolescentes xestionan as súas emocións a través de músicas improvisadas. Pero iso si, a música chega a calquera idade.
E algún tipo de doenza en concreto?
Traballei moito con persoas en coma, e a resposta que teñen ante a música é moi potente. A música chega a lugares aos que non se pode acceder doutro xeito. A capacidade de mobilizar que ten a música mal usada pode ser terrible. Por exemplo, nos casos de alzhéimer non creo que sexa recomendable poñerlle auriculares, porque aísla ás persoas. Hai xente que está empregando a música sen control e están facendo moito dano, e mandan á casa peor do que estaban. Nun congreso sobre saúde mental, achegóuseme unha enfermeira e contoume unha historia. Estaba cun grupo de mulleres con esquizofrenia facendo manualidades e, por casualidade, puxo a radio. Soou unha canción da historia sonora dunha das mulleres e tivo que medicala e atala, e, con ela, ás outras. A música pode actuar a nivel químico coma se fora un fármaco. Por iso digo que hai que ter coidado.
Pero non é só escoitar música, non?
É moi importante ter en conta que escoitar música non cura, o que fai é mobilizar aspectos dun mesmo. A musicoterapia non é escoitar música, que pode axudar, pero, como facemos noutras situacións, se temos un problema temos que acudir a profesionais. Ademais, é unha profesión de moda polos bos resultados que está dando.
En que consiste pois?
Os musicoterapeutas temos técnicas e argumentos científicos para propoñer unha forma de intervención. Hai unha observación previa e un deseño dunha intervención personalizada. Deste xeito, podemos atender á xente dunha forma máis rápida, coa vantaxe de non ser farmacolóxica, polo que non deixa residuo químico. Iso si, hai rexistros de que hormonas ou neurotransmisores reaccionan a cada música. Así, no que eu me centrei na miña traxectoria é en darlle interpretación e significado a porqué ocorre cada reacción a un estímulo sonoro. Había moita investigación cuantitativa e cualitativa, pero non científica cando eu cheguei a esta profesión. Un marco teórico específico da profesión para non ter que recurrir a outras ramas médicas, ese é o meu grao de area.
Puxo en marcha varias formacións relacionadas?
Pois xa levamos oito promocións. Temos dúas formacións. Por unha banda está o mestrado, enfocado a persoas que remataron un grao. O que é obrigatorio é que teñen que tocar un instrumento e cantar. Pero este mestrado dun ano non capacita, o que fai é ofrecer ferramentas para outras profesións. Por exemplo, achéganse psicólogos, médicos, educadores sociais, fisioterapeutas, logopedas e moitos outros para incorporar as nosas ferramentas dentro da súa profesión. Pola outra banda temos a formación larga, de 6.000 horas, que é equivalente a un grao. Estamos en trámites de recoñecelo como tal, pero como é a Asociación Galega de Musicoterapia a que acredita para traballar, se tes esa formación, podes traballar como musicoterapeuta. Ademais, cando exista o grao, váiselles validar. Esa si é específica para ser musicoterapeuta e o nivel é dos mellores do mundo.
Tamén desenvolve as súas terapias en Ourense.
Si. En 2020 firmamos un convenio co Sergas para actuar na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. De alí a pouco estourou a pandemia, pero aos poucos días xa tiñamos dous proxectos de acompañamento. Estamos traballando tanto en Piñor coma en Ourense na área de saúde mental. E ademais, hai pouco que introducimos a musicoterapia para o tratamento do covid persistente. O bo que temos é que os pacientes perciben que o están pasando ben, non o asocian a unha terapia convencional, senón que lles parece unha actividade de ocio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CRISIS EN EL PSOE GALLEGO
Caballero e Inés Rey apuntan al liderazgo de Gómez Besteiro
guerra en ucrania
Finlandia advierte de que Rusia "seguirá siendo una amenaza" para Europa
CRISIS EN EL PSOE GALLEGO
Militantes de la ciudad de Lugo cargan contra Tomé y Besteiro