Rogelio Santos: "O prezo do polbo non vai ir a menos porque a cantidade non vai ir a máis"

Rogelio Santos, mariñeiro e influencer.
photo_camera Rogelio Santos, mariñeiro e influencer.

Rogelio Santos é mariñeiro, divulgador e influencer

Cómpre só un minuto para decatarse do inmenso amor que Rogelio Santos ten polo mar e por todo aquilo que alí vive. Este “mariñeiro de Queiruga, Porto do Son” fala del cun orgullo que chega a calquera que o escoite e, precisamente por iso, a súa mensaxe chegou a milleiros de persoas a través das súas redes sociais. Santos tratará de transmitir a súa paixón pola pesca, o mar e as especies galegas ao público do Foro La Región, que poderá asistir á súa conferencia o vindeiro xoves, ás 20,30 horas no Marcos Valcárcel. 

Como te converteches no “mariñeiro influencer”?

Foi por un conxunto de cousas. Aínda que agora se me vexa solto nos vídeos e na tele, sempre fun bastante reservado. Hai tres ou catro anos nomináronme para estar na comisión de festas da miña parroquia e fun o encargado de levar as redes sociais. Eu xa tiña as miñas, pero eran para o típico: unha festa, unha paisaxe, algo gracioso… non era un creador. Coa comisión empezo a levar as redes e a ter unha maior interacción, sobre todo fóra dos meus círculos. Por outra banda está que comecei a sacar o título da ESO aos 40. Era unha espiña cravada dende que aos 14 anos, coa morte de meu pai, deixei os estudos. Con 18 comecei no mar e, aínda que me sinta pleno no meu traballo, sentía que tiña iso pendente. Así, quitei a ESO polas tardes ao vir do mar.

Iso foi chave, non si?

Si. Foime moi ben e os profesores animáronme a facer o bacharelato. Entón, ao meu profesor de lingua castelá, Xabier López Marqués, chamoulle a atención que un mariñeiro tivera unhas “incribles dotes comunicativas” coma min. Animoume a que escribira nalgún lado, e eu comecei a comentar temas de todo tipo na miña conta da rede social Facebook. Nese tempo incluía, de cando en vez, temas vencellados ao mar, e foi sobre todo con eses temas cos que me chegaron moitísimos comentarios positivos, animándome a escribir máis.

Houbo un punto de inflexión?

Houbo. Eu infórmome sobre todo a través dos titulares de medios dixitais. Refírome, non vexo moita tele. O caso foi que vin moitas noticias sobre marisco confiscado, artes de pesca ilegais, barcos apresados… todas eran noticias negativas do mar. Os mariñeiros de hoxe somos os que máis normas de sostibilidade cumprimos na historia e os que máis limitados estamos. Hai centos de limitacións de aparellos, de artes autorizadas, de especies protexidas… Quero subliñar que hai un nivel de cumprimento moi elevado; moitas veces pescamos menos e gañamos menos. A min cabreoume que se puxera aos mariñeiros de delincuentes, aínda que é certo que hai xente que non cumpre as regras.

E que fixeches?

Pois veume na rede un lumbrigante de catro ou cinco quilos estando en veda. Entón, meu irmán, de quen aprendín case todo o que sei, dime: “Que pena que veña agora que está vedado. Bótao ao mar”. Entón dixen, pois vouno gravar e poñelo nas redes sociais, porque xa está ben de que se poña aos mariñeiros de delincuentes cando non é a realidade. Cando o fixen, pensei: primeiro, estou tolo; e segundo, pensei que me ían poñer de parvo, porque o normal para algunha xente é collelo e levalo ás agachadas. O que se ve mal non é facelo, se non que te collan. Non só foi iso, pero volvinme viral e aquí estamos agora. Eu creo tamén que á xente lle gusta porque o fago con paixón, non por conseguir “gústames” ou cousas desas. E tamén está o vídeo devolvendo as centolas ao mar contando os cartos que deixaba de gañar.

A xente de interior sabe de peixe?

Creo que hai pouca diferenza entre alguén do interior e da costa. Hai moita desconexión entre o consumidor e o produtor. Calquera sabe que produto é bo e cal está bo. Ambos saben o que son as sardiñas, o bacallau, a pescada, unha boa centola, un linguado… e sabe cando está fresco. O que quizais falta por saber é como é a pesca e o océano en si mesmo. Toda a sociedade, interior e costa, temos un nivel formativo moito maior. A xente entérase de todo, sexa da costa ou do interior, pero non hai quen lle explique as cousas. Nese sentido, penso que falla a divulgación.

Ademais, ti es un dos máis firmes defensores da pesca ecolóxica. Ao final, non todo son cartos, non?

Por iso digo o de levar o mellor do mar a Ourense. No que ten que ver co peixe e co marisco, aínda que o que máis se valora son a frescura e o sabor, hai moitos máis valores implicados. Podería comparalo cos valores co viño de Ourense. Agora téñense en conta moitas máis cousas ca antes, e moitas delas están relacionadas coa sostibilidade. O que está claro é que cada vez hai menos peixe e non cumprindo as normas non imos facer que haxa máis. Un peixe pescado de forma sostible ten máis valor. E todos, da costa e do interior, queremos que siga habendo produtos pesqueiros accesibles para o consumidor.

Xusto che ía preguntar por iso. Hai o mesmo problema que co leite?

Si. Exactamente igual. O sector da pesca está condicionado por dúas cousas: por unha banda está a sostibilidade dos océanos, así como a escaseza de peixe no mar; e pola outra, o aumento do prezo dos combustibles, e da vida en xeral, fan crecer o prezo do peixe. Entón, para que todo o mundo siga gañando cartos, o máis doado é abaratalo no produtor. Pasa igual ca co leite. E os mariñeiros estamos asfixiados.

Dicías que comezaches no mar aos 18. A día de hoxe, recomendas aos mozos que busquen a vida no mar?

Si. O mundo está hoxe moi complicado para atopar traballo, para calquera emprego. O único que digo é que che ten que gustar. Polo que sexa, pero ten que gustarche. Eu coñezo moita xente que lle tira o mar. E aí, todo depende do talento e do esforzo de cada un. Iso si, tampouco vai ser sinxelo, hai que telo claro. Eu levo 30 anos no mar e son moi feliz, non o cambio por nada. Ademais, sinto que teño unha estabilidade laboral moito maior ca noutros sectores.

Non podemos rematar sen falar do polbo. Lin que se está comezando a criar en catividade. Con todo, é un produto de luxo cando, en Ourense, é case un acto cultural. Como se poderá manter esta tradición?

Respóndoche claramente: nos próximos anos, non só o polbo, todo o peixe, non vai a ir a máis. E o prezo non vai ir a menos. Se hoxe xa é un produto de luxo, aínda vai ser máis caro. E o seu cultivo non vai facelo máis barato, porque crialo en catividade sigue dependendo en gran parte do mar.  A curto e medio prazo non vai ser máis barato porque non vai haber máis cantidade. Con todo, despois de todo isto, eu son optimista. O mar ten moitísimas posibilidades e vivimos nunha zona privilexiada, pero todo isto hai que coidalo.

Te puede interesar