SOGAMA

335 millóns de euros para a ampliación da planta de Sogama en Cerceda

O contrato inclúe a operación, mantemento e limpeza de ambas as dúas plantas durante un período de 15 anos

O Goberno galego destinará 335 millóns de euros máis IVE á ampliación das instalacións do complexo ambiental de Cerceda, de forma que se construirá unha nova planta que se dedicará á recuperación de papel, cartón e envases de plástico e se remodelará a actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión do Consello do seu Executivo, e destacou que a autorización deste "gran contrato" permitirá incrementar nun 36 por cento o tratamento de residuos e unha redución "dun terzo" daqueles que se envían a vertedoiro.

Con esta actuación, segundo o mandatario autonómico, desbloquéase" a ampliación do complexo, que entrará agora en fase de presentación e valoración de ofertas, co obxectivo de que Galicia conte con estas melloras "en funcionamento" no ano 2017.

O contrato inclúe a operación, mantemento e limpeza de ambas as dúas plantas durante un período de 15 anos. En calquera caso, Feijóo indicou que unha planta de compostaxe "non esta desbotada" nun futuro, aínda que non se trata dunha decisión adoptada a día de hoxe.

RELEGAR O VERTEDOIRO

O presidente galego resaltou que as novas instalacións permitirán "mellorar a xestión de residuos urbanos", de forma que o destinado a vertedoiro quede relegado "ao último lugar, por ser menos ambientalmente desexable".

A previsión é que as novas instalacións do complexo ambiental de Cerceda permitan pasar dunha capacidade actual de 550.000 toneladas anuais de residuos tratados a 750.000 toneladas ao ano. O obxectivo final é que só se desvíe ao vertedoiro aquela parte de lixo que non poida ser reutilizar, reciclada ou valorizada, tanto material como enerxeticamente.

Feijóo tamén resaltou que a ampliación das instalacións do complexo de Cerceda é "coherente" co Plan autonómico de xestión de residuos urbanos 2010-2020, que establece como principais obxectivos reducir nun 10% da cantidade de lixo producido, triplicar os niveis de reciclaxe ao pasar do 12-13% actual ao 30%, e minimizar a vertedura, ao baixar do 42 ao 24%.

En concreto, en Sogama, que conta con 295 concellos galegos adheridos ao seu modelo, construirase unha planta de recuperación dos envases (de plástico e papel ou cartón) contidos na bolsa negra (residuo xenérico), que se sumarán á actual selección que a compañía realiza do aceiro, aluminio e vidro incorrectamente depositados polos cidadáns. Desta forma, incrementarase a cantidade de materiais que se remite aos centros recicladores para convertelos en novos produtos.

Así mesmo, remodelarase a actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, na cal se separa a parte do lixo convencional susceptible de ser reciclada e co resto se acondiciona un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade.

Te puede interesar