TRAXEDIA ANGROIS

A aseguradora de Renfe propón ás vítimas indemnizacións que impiden facer novas reclamacións

Apafas, unha das dúas asociacións de afectados polo sinistro, denunciou o que considera unha estratexia "maliciosa e enganosa"

A aseguradora de Renfe, Allianz, leva semanas enviando cartas ás vítimas do accidente de Angrois nas que lles propón unha indemnización determinada cunha cláusula na que establece que a liquidación é 'total e suficiente', o que, de aceptarse, suporía pechar a posibilidade de facer novas reclamacións no caso de que algún organismo sexa condenado no proceso xudicial aberto.

En declaracións a Europa Press, o voceiro de Apafas, unha das dúas asociacións de afectados polo sinistro, Cristóbal González, denunciou o que considera unha estratexia "maliciosa e enganosa" por parte de Allianz, que cobre o seguro obrigatorio de viaxeiros de Renfe -- polo cal está a ofrecer estas primeiras indemnizacións -- e, á súa vez, o de responsabilidade civil de Adif, o administrador de infraestruturas ferroviarias, que na actualidade ten imputados a varios altos cargos da época na que se inaugurou a liña de alta velocidade.

González explicou que os avogados da asociación recomendaron ás vítimas aceptar as cantidades propostas, malia criticar que se lles inclúa no grupo 14 do baremo de accidentes de tráfico cando hai persoas "con lesións graves", pero coa esixencia de retirar da redacción da compañía de seguros a fórmula que pecha eventuais demandas polo concepto de responsabilidade civil.

O voceiro desta asociación interpreta que Allianz "presume que Adif pode ser condenada" e de aí que estea enviando as propostas coa devandita cláusula. Ante isto, Apafas remitiu unha circular aos seus asociados.

A escasos dous meses de que se cumpra un ano do descarrilamento, que ocasionou 79 mortos e máis dun centenar de feridos de distinta consideración, Cristóbal González apunta que o 24 de xullo haberá unha misa na Catedral de Santiago en recordo ás vítimas e, entre outros actos, dá por seguro un encontro en Angrois cos veciños e diversos colectivos que colaboraron nos labores de axuda e apoio aos afectados tanto no propio día da catástrofe coma en datas posteriores.

Te puede interesar