"NON HAI PERIGO DE DESAPARICIÓN"

Beiras ve 'un erro' as dimisións e defende un novo consenso

Aproveitou unha intervención no pleno para defender cooperación no Parlamento e tamén na súa organización.

O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, mostrouse "convencido" de que é "un erro" que dez membros da Comisión Permanente desta formación escindida do BNG presentaran a súa dimisión despois do resultado do referendo, pero asegurou que "por isto, non está en perigo de desaparición". Así mesmo, apostou por alcanzar un novo consenso en torno ao resultado da consulta interna.

Nunha longa comparecencia ante os medios de comunicación, o veterano nacionalista explicou o seu posicionamento a favor da opción que defendía concorrer coa esquerda federal ás eleccións europeas e defendeu facelo público porque, o contrario, sería unha "irresponsabilidade" e unha "autocensura", como xa dixo que tivera que facer no seo do BNG.

En todo caso, Beiras manifestou que, dado que o resultado foi un "empate técnico", ao seu xuízo, é preciso alcanzar "consensos" sen cambiar, iso si, o resultado das urnas, e suxeriu que aínda pode darse unha mestura das dúas vías, posto que existe un principio de acordo entre Esquerda Unida e Podemos, que respondería a esa aposta por aglutinar tamén aos movementos sociais.

Deste xeito, o líder de Anova asegurou que a súa lectura do resultado da militancia é a dun "resultado que hai que xestionar" atendendo a que é case un 50 por cento para cada unha das opcións, e defendeu que a "aritmética non debe ser tomada xa como definitoria dun posición claramente maioritaria", senón que é preciso "chegar a unha solución que combine no posible elementos das dúas alternativas".

Beiras, que entende que Anova non pode funcionar cun sistema de "maiorías e minorías, goberno e oposición", incidiu en que é preciso que a organización marche con "consensos", nos que dixo que se implicou persoalmente, e apuntou que o proxecto estratéxico de Anova tampouco ten que centrarse en "retos electorais", senón nunha alternativa real para a cidadanía.

Así mesmo, apuntou que tras recibir o resultado das urnas, considerou que, partindo de que "non hai vencedores nin vencidos", hai que intentar xestionar para ver como o resultante que non contradiga o acordo maioritario pero incorpore elementos da outra alternativa que son incorporables".

 

TODAS AS DIMISIÓNS UN "ERRO"

O voceiro nacional de Anova, que insistiu en que o seu posicionamento público o fixo en calidade de "militante" e non no uso do seu cargo, remarcou que a dinámica interna fixo que esta consulta se acabase convertendo nunha especie de "moción de confianza da dirección", o que "pode explicar os últimos acontecementos", en referencia ás dimisións.

Para Beiras, tanto as dimisións que se deron este luns (que terá que ratificarse nunha reunión da coordinadora -máximo órgano de decisión entre asembleas-), como outras pasadas (entre elas a de Martiño Noriega, como coordinador de Anova), foron "un erro". "Estou convencido de que é un erro, así como dixen que era así como creo que o foron dun e outro lado", manifestou.

Pero iso, abundou, non significa que estea "en perigo de desaparición" por ese motivo. "Anova o perigo que corre é pasar por enfermidades infantís nun período anterior á aparición de antibióticos", diagnosticou o veterano político, que xa participou na fundación do BNG nos anos 80.

Ao respecto, o voceiro nacional lanzou a advertencia de que a pervivencia da organización que naceu hai un ano e medio "dependerá de poñer por diante" as maiorías sociais e as "lealdades aos cidadáns, e de "poñer o chollo".

 

VOCES CRÍTICAS CO SEU POSICIONAMENTO

Por outro lado, e ao respecto das voces críticas polo seu posicionamento a favor de concorrer coa esquerda federal, e en contraposición co pacto a finais dos anos 70 co PSOE, Beiras, "socialista, pediu non comparar unha etapa histórica con outra e instou a diferenciar o tipo de proceso e os principios políticos de cada organización (recordou que IU defende o dereito a decidir).

Do mesmo modo, explicitar a postura que xa puxera por escrito no proceso de referendo e recordou que a aposta da esquerda federal é tamén a das "esquerdas rupturistas" contra a troika en Europa, e volveu acusar o BNG de "boicotear" un acordo máis amplo nestes comicios de "circunscrición estatal".

 

INTERVENCIÓN NO PLENO

Antes da súa intervención ante os medios, Xosé Manuel Beiras xa interviñera no debate de toma en consideración dunha proposición de lei de reforma das iniciativas lexislativas populares, na que fixo un discurso a favor da "cooperación" entre as formacións políticas, a cal dixo que o seu grupo impulsa entre os membros da oposición.

"Sempre impulsamos a cooperación e non forzas políticas que se pelexan", proclamou, para dicir que así tamén pídeo na súa "propia forza política", e antes de sinalar que por iso "aplaudiu" intervencións do BNG aínda que o seu paso por esta organización -da que foi fundadora- non foi "idílico" en toda a súa "biografía".

"A cooperación está no ideario do BNG", contestoulle, con posterioridade, o voceiro do Grupo Parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera.

 

Te puede interesar