As “Catas de Galicia” distinguen ós mellores queixos e ó mellor mel

As Catas dos Queixos e Meles de Galicia recoñecen ós mellores produtos de 2024
photo_camera As Catas dos Queixos e Meles de Galicia recoñecen ós mellores produtos de 2024
Os premios do concurso "Cata dos Queixos e Meles" recoñeceron os mellores produtos de 2024 das catro DOP de queixos e da IXP Mel de Galicia

A Xunta de Galicia premiou ós mellores queixos e meles da comunidade a través do concurso Cata dos Queixos e Meles, que acadaron a XXVI e XXII edición respectivamente, manténdose como un evento de referencia tanto para produtores e envasadores galegos como para os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida -San Simón da Costa, Cebreiro, Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa-, celebrado este pasado mes de novembro en Santiago.

O panel de catas estivo integrado por 19 expertos que analizaron de xeito minucioso as 54 mostras de 25 industrias de mel e as 47 de queixos, pertencentes a 30 queixerías e, entre elas, elixíronse as mellores de cada categoría.

Estas catas anuais complétanse coas Catas de Galicia, nas que se valoran viños, augardentes e licores tradicionais. Este 2023, ó concurso vitivinícola presentáronse 384 mostras procedentes de 166 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e de catro indicacións xeográficas protexidas. Ademais, sumáronse 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas de augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 16 empresas.

Os gañadores

Na Cata de Queixos resultaron premiados, pola Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo de Tetilla co ouro Don Crisanto, a prata para Barral e o bronce para Queserías del Eume. No caso da DOP Arzúa-Ulloa, o ouro concedéuselle a Pazo de Anzuxao, a prata a Queinaga e o bronce a Barral. Dentro da DOP San Simón da Costa, o mellor foi Don Crisanto; na DOP Cebreiro, Castelo; e na Arzúa-Ulloa Curado, Arqueixal.

Por outra banda, na Cata de Meles recoñeceuse na categoría de multiflorais, co ouro para O poder das flores, a prata para Manuel Sande e o bronce para Mel de Monfero. No tocante ós monoflorais, o ouro concedéuselle a Meles J.S., a prata a O poder das flores e o bronce a Mel de Modeiras.

Promoción de calidade

No marco desta entrega de premios, a Xunta presentou a campaña de promoción “Os Catro Grandes de Galicia”, que busca fomentar o consumo dos queixos galegos con certificado de calidade nestas datas, dentro da aposta do goberno galego pola promoción dos seus produtos de calidade diferenciada.

Esta campaña, que conta cunha inversión por parte da Xunta de 400.000 euros, xa está en difusión a través dun centenar de medios de comunicación dende o 26 de novembro e manterase ata final de ano. A iniciativa promocional poderá verse en medios de ámbito local, provincial, autonómico de Galicia e tamén no resto de España, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais que sitúan ós queixos con denominación de orixe como sinónimo de tradición e calidade.

Seguindo esta liña, a Xunta destinará 6 millóns de euros no 2024 para configurar un Plan de promoción de produtos agroalimentarios galegos. Ademais, investiranse máis de 4,7 millóns de euros en axudas para os consellos reguladores en materia de funcionamento, control da calidade ou a comercialización dos produtos.

En materia de seguir potenciando o consumo, a Xunta avanzará de forma decidida polo incremento de razas bovinas con aptitude leiteira dentro dos pregos dos consellos reguladores, co obxectivo de que os sectores industrial e gandeiro poidan continuar medrando, garantindo a súa calidade. Tamén se aproveitará o que representa o porcionado, colaborando con consellos reguladores, co obxectivo de investigar técnicas que garantan os criterios de excelencia dos produtos.

Te puede interesar