Cela (BNG) esixe a dimisión inmediata de Currás pola 'situación insostible' do Concello de Santiago

O voceiro do Grupo Municipal do BNG, Rubén Cela, esixiu a dimisión inmediata do alcalde de Santiago, Ángel Currás, imputado por un suposto delito de tráfico no marco da Operación Pokémon, para restaurar 'a confianza da cidadanía na institución municipal' e pola situación 'absolutamente insostible' no Concello compostelano.
En rolda de prensa celebrada este venres, Cela pediu a dimisión do alcalde 'por hixiene democrática, polo ben da imaxe pública de Santiago de Compostela, pola credibilidade deste concello como institución e para que a súa defensa non interfira no seu labor como alcalde e viceversa'.

Nesta liña, cargou contra 'o espectáculo ofrecido este ano e medio' por parte do Goberno popular de Santiago, que xera 'a deterioración da imaxe de Santiago de Compostela'.

'O determinante á hora de demandarlle a súa dimisión ao alcalde non é o feito en si da imputación, nin moito menos que se lle apliquen medidas preventivas, o determinante é o motivo desa imputación, a alarma social que crea, a desconfianza que lle produce o conxunto da cidadanía', recriminou Rubén Cela.

'PELEXAS INTERNAS NON DISIMULADAS'
Así, incidiu en que a últimas imputacións coñecidas do alcalde e o seu xefe de gabinete, tras a da concelleira de Educación e Política Lingüística, Rebeca Domínguez, afectan ao funcionamento ordinario do Concello de Santiago, posto que 'resulta evidente que o grupo de Goberno non está centrado en atender ás súas responsabilidades', senón en 'resolver este tipo de asuntos e nas pelexas internas xa nin disimuladas'.

Por todo iso, Rubén Cela reclama a dimisión do alcalde do Partido Popular, Ángel Currás, e esixe que se celebre neste mes de xaneiro o Pleno do Debate de Estado do Concello. 'Resulta cada vez máis evidente por que non se convoca, co obxectivo de cumprir o regulamento que determina que debe haber tres por mandato municipal e tal como están as cousas non se lle pode furtar este debate a cidadanía', reclamou.

Te puede interesar