VIOLENCIA DE XÉNERO

Centos de persoas maniféstanse en Pontesampaio con berros de "asasino"

Tras a lectura dun comunicado de condena e de gardarse dous minutos de silencio, os asistentes a este acto berráronlle "asasino" e clamaron "xustiza".

Centos de persoas concentráronse na parroquia pontevedresa de Pontesampaio ante a vivenda na que residía Concepción Reguera Peón, a veciña de 38 anos que morreu tras ser acoitelada presuntamente pola súa exparella, José Antonio Lusquiños Bustelo, de 34, que ingresou xa na prisión de A Lama.

Tras a lectura dun comunicado de condena e de gardarse dous minutos de silencio, os asistentes a este acto berráronlle "asasino" e clamaron "xustiza".

Durante a concentración, organizada polos colectivos sociais e veciñais de Pontesampaio, unha veciña e amiga da vítima, Lupe Vidal, expresou a súa "rabia" polo que cualificou como "un asasinato, non violencia de xénero". Na súa intervención expresou a súa condena cara a "todos e cada un dos asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou exparellas", así como a súa "repulsa por esta lacra que asedia a sociedade".

Na declaración incidiu en facer saber ás vítimas que "non están soas e poden acudir aos recursos públicos", aínda que tamén se dirixiu ao "seu ámbito" para que "denuncien" se elas non poden. Lupe Vidal reclamou o "compromiso, dende todos os ámbitos da sociedade e dos poderes públicos, para loitar contra a violencia, apoiando as vítimas e transmitindo ás xeracións futuras o respecto á igualdade da muller".

EXEQUIAS

Mentres a veciñanza se concentraba ante o domicilio familiar de Concepción Regueira Peón, a familia da vítima velábaa no tanatorio, na máis "estrita intimida" por expreso desexo dos seus achegados, tal e como explicou o presidente da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio, Ramón Agulla. O funeral celebrarase este luns ás 17,30 horas na igrexa parroquial, seguido do enterro.

Ademais, tamén este luns terá lugar pola mañá, ante o concello de Pontevedra, unha concentración institucional organizada polo Goberno local, cun minuto de silencio en memoria da veciña asasinada. Pola tarde, ás 20,00 horas, realizarase outra concentración ante a Audiencia Provincial, para a cal a concelleira de Igualdade, Carme Fouces, fixo un chamamento á asistencia da cidadanía.

Precisamente, as asociacións de veciños de Pontesampaio van poñer a disposición do público da parroquia dous autobuses que partirán ás 19,30 horas.

O presidente da Asociación de Veciños Santa María de Pontesampaio, Eugenio Peón, manifestou a súa "tristura" polo carácter "premeditado" deste crime e, sobre o comportamento do presunto autor da morte de Concepción Regueira, sinalou que "parece ser que non era trigo limpo" e que "hai un montón de cousas raras que agora coinciden".

Entre o habitantes de Pontesampaio concentrados ante a vivenda da familia Reguera Peón xurdiron comentarios favorables á pena de cadea perpetua contra os autores deste tipo de delitos. "Marchounos unha flor que sempre tiña un sorriso nos labios", lamentou un dos seus veciños. "Era unha persoa moi do pobo e moi sensible", reiterou Eugenio Peón.

REPRESENTANTES POLÍTICOS

"Estamos de loito e indignados", afirmou Carme Fouces, "e se cabe algún raio de esperanza é que a resposta social é cada vez máis contundente e os machistas teñen cada vez menos lugares onde se esconder", destacou.

Non obstante, a edil de Igualdade advertiu que "algún parrulo" das Administracións "está a fallar", polo que animou a secundar estas mobilizacións porque "van obrigar a moitos responsables políticos que están de perfil a que se poñan de fronte" co obxectivo de erradicar a "cultura machista".

Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, coincidiu en expresar a súa "consternación" e "máxima repulsa por este vil asasinato machista". Regueira eloxiou o "boa persoa" que era a vítima e cánto "a querían" en Pontesampaio, polo que ofreceu "apoio" á familia da falecida, "que necesita máis cariño e solidariedade que nunca".

Tamén acudiu á concentración a deputada do BNG no Parlamento galego Montse Prado quen, -- ante a proximidade do próximo 25 de novembro no que se celebra o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller -- reclamou que "non sexa unha data ritual unha vez ao ano", senón que, por tratarse dunha "violencia estrutural, solo se pode combater con medidas estruturais".

Así, Prado apelou á sociedade para que "esixa medidas e recursos" aos gobernos da Xunta e do Estado para "combatela con toda a contundencia coma se fose un acto de terrorismo".

Nesa liña, a deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Patricia Vilán, criticou que a pesar das leis existentes en materia de igualdade e contra a violencia de xénero, "non se están a aplicar polos recortes económicos brutais e porque non se considera prioritario" por parte do Goberno.

Ante o que cualificou como un "problema de Estado", Vilán incidiu na necesidade de que "os nenos e nenas sexan educados en igualdade", argumentando que "mentres non se consiga, as medidas son paliativas".

Á concentración de repulsa por este crime acudiron tamén os concelleiros nacionalistas Luís Bará, Anabel Gulías e Piar Comesaña, en representación do Goberno local de Pontevedra; os voceiros municipais do PSOE e de Cidadáns no concello de Pontevedra, Agustín Fernández e Carmen Rey, respectivamente; a deputada provincial de Servizos Sociais, Eva Villaverde, e o voceiro do PP na Deputación de Pontevedra, Anxo Moldes.

Ademais, mostraron a súa solidariedade representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, de Pontevedra, e Maria del Carmen Iglesias, irmá de Sonia Iglesias, que desapareceu en Pontevedra en agosto de 2010 e cuxo caso aínda non foi resolto.

Te puede interesar