O Consello Galego de Universidades aproba os criterios de financiamento

O Consello Galego de Universidades informou favorablemente a proposta para os novos criterios estruturais do plan de financiamento do sistema universitario 2011-2015.

A Consellaría de Educación sinala nun comunicado que con esta resolución, canda os contratos-programa xa asinados e o decálogo de medidas de racionalización do gasto e mellora na eficiencia da xestión, 'culmínase o desenvolvemento do plan de financiamento'.

Na reunión do Consello participaron o conselleiro de Orientación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Universidades, José Antonio Díez de Castro, así como os reitores das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, respectivamente Salustiano Mato, José María Barja e Juan Casares.

Díez de Castro apuntou que, 'desde que comezou a elaboración do novo plan de financiamento, todos os implicados estiveron de acordo na necesidade de facer un cambio de modelo, de xeito que se realizou un plan moderno e dinámico con capacidade de adaptación'.

A Consellaría lembra que os cinco novos criterios de reparto da subvención fixa e os indicadores asociados a eles foron aprobados no pasado mes de xuño e fan referencia á existencia de campus de excelencia internacional, captación de recursos externos, internacionalización, transferencia de coñecemento e calidade da docencia.

O plan de financiamento do SUG 2011-2015 inclúe un decálogo de medidas sobre aspectos como a racionalización de persoal e alumnado, do gasto corrente, xestión compartida, financiamento por contratos-programa, aumento de ingresos propios ou implantación da administración electrónica ou redución de custos de comunicación e potenciación dos formatos dixitais nas bibliotecas.

Te puede interesar