A Coruña demanda máis cota para o cerco e que se elimine a clave de reparto

O Concello da Coruña aprobou hoxe unha moción en que pide maior cota pesqueira para Galicia e que se elimine a clave de reparto dos Topes Admisibles de Captura (TAC) entre estados membros da Unión Europea baseada na Estabilidade Relativa.

O Goberno municipal da cidade herculina, do Partido Popular, presentou hoxe unha moción en que busca "apoiar o sector pesqueiro galego en xeral e ao da Coruña en particular".

O voceiro do grupo popular, Julio Flores, detallou que "o PP sempre manifestou o seu frontal rexeitamento aos actuais criterios", pois pensa que "Galicia merece máis cota pesqueira" e por iso apoian os profesionais da pesca.

De feito, Flores chegou a afirmar que, de non modificarse estes criterios, o seu partido vai solicitar "a impugnación xudicial" dos actuais criterios que considera inxustos por escasos para os galegos.

O concelleiro socialista José Nogueira espera que a moción chegue ao Parlamento de Galicia, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento Europeo, onde hai maioría do Partido Popular, e que "non quede nun xesto meramente de protocolo".

A moción aprobouse cos votos a favor do PP e PSdeG-PSOE e coas abstencións do BNG e de EU-Os Verdes, que preferiron non apoiala.

Te puede interesar