Deputación expresa o seu pesar pola morte do policía ferido en acto servizo

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fixo chegar esta mañá, "en nome propio e no de toda a Corporación Provincial", as "máis sinceras e emotivas condolencias" aos familiares e amigos do policía nacional José Manuel Pardo Souto, que faleceu onte a causa das graves secuelas que arrastraba polo accidente que sufriu en acto de servizo.

Nun comunicado, o goberno provincial informou de que Gómez Besteiro tamén lles transmitiu "aos achegados do axente falecido o recoñecemento á súa meritoria actuación profesional".

O axente José Manuel Pardo Souto falecía onte á tarde como consecuencia das graves secuelas que lle deixou o accidente que padeceu en acto de servizo o 23 de outubro de 2012, cando a causa do forcexo cun detido levou un golpe na cabeza.

Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo, a capela ardente do axente falecido quedou instalada no centro sociocultural das Nogais, na súa vila natal, e os seus restos mortais recibirán sepultura mañá venres -día 9 de maio-.

Previamente, seralle imposta a Medalla de Prata ao Mérito Policial, que lle foi outorgada pola Dirección Xeral da Policía, en recoñecemento á súa "meritoria actuación profesional e de maneira máis concreta pola súa valentía e entrega na acción que tan graves lesións lle produciu".

O policía sufriu un forte golpe na cabeza contra a fachada da propia comisaría de Lugo durante o forcexo que mantivo cun delincuente habitual porque o individuo opuxo resistencia ao baixar do vehículo patrulla en que ía detido.

O axente falecido, que tiña corenta anos, estaba casado e tiña dous fillos.

Te puede interesar