Detida unha moza romanesa por roubar prendas nun centro comercial de Ourense

Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría Provincial de Ourense adscritos á Brigada Provincial de Seguridade Cidadá detiveron a unha moza de nacionalidade romanesa como presunta responsable dun delito de furto por subtraer prendas nun centro comercial.
Segundo informou a Comisaría de Ourense, os feitos sucederon sobre as 19.30 horas do mércores no Centro Comercial PonteVella da cidade, cando unha muller foi interceptada polo servizo de seguridade portando no interior dunha bolsa numerosas prendas co dispositivo de alarma aínda conectado.

Trasladada ao lugar unha dotación policial, os axentes comprobaron que as prendas foron supostamente subtraídas dunha das tendas do centro comercial e o seu valor supera os catrocentos euros.

Os devanditos efectos foron recoñecidos polos empregados da tenda afectada. Ante estes feitos foi arrestada unha moza de 27 anos natural de Romanía, á que non lle constan detencións anteriores, e trasladada a dependencias policiais para continuar coas dilixencias oportunas.

Para poder subtraer a roupa e burlar o dispositivo de alarma, a moza utilizaba unha bolsa forrada de aluminio. A detida pasou a disposición Judicial na mañá deste xoves.

Te puede interesar