Detido un varón en Vigo tras insultar e agredir un policía que lle pedía os datos tras causar danos nunha vivenda

Agentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 65 anos de idade e de iniciais A.O.C. como presunto autor dun delito de atentado a axentes da autoridade, tras insultar e agredir un policía que lle pedía os datos por causar danos nunha vivenda.
Sobre as 16.30 horas do martes unha patrulla desprazouse á rúa Canicouva, onde unha muller lles explicou que un tractor que estaba a realizar labores de roza nun terreo lindante lle rompera un cristal, pois varias pedras saíran disparadas contra a vivenda, e que o condutor non se quería facer cargo dos danos.

Segundo informan as forzas de seguridade, cando os axentes trataban de identificar o home para realizar un informe dos feitos, este negouse a dar os seus datos, 'mostrándose moi agresivo con insultos e ameazas'. Posteriormente abalanzouse sobre un axente, a quen tratou de propinar un puñazo, se ben tras o forcexo puido ser finalmente detido.

Por outra banda, a Policía Local arrestou na madrugada deste mércores a unha muller de 42 anos de idade, natural de Brasil aínda que veciña de Vigo e de iniciais L.N.C.L., como presunta autora dun delito contra a seguridade vial, pois foi sorprendida circulando á altura da Praza de Isabel la Católica malia carecer de todo tipo de permiso.

Te puede interesar