Educación e universidades galegas asinan convenios para a estabilización de 10 investigadores

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subscribiu convenios coas tres universidades galegas relativos a axudas para a estabilización de 10 dos seus investigadores (un para a USC, seis para A Coruña e 3 para Vigo). En total, serán case 1,3 millóns de euros para financiar a contratación deste persoal.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, no convenio queda reflectido que cada unha das universidades recibirá un incentivo por unha cantidade equivalente a tres anos de salario dun profesor titular de universidade por cada investigador contratado.

Os postos acollidos ao convenio son todos aqueles nos que tanto a data de contrato ou nomeamento como a de incorporación efectiva están comprendidas entre o 1 de xullo de 2011 e o 1 de febreiro de 2012, e que finalizaron previamente o seu quinto ano de contrato do Programa Parga Pondal, contando coa acreditación Manuel Colmeiro.

Por outro lado, tamén subscribiron os convenios polos que a Consellería transferirá máis de 455.000 euros ao SUG para impulsar a modernización, no marco das achegas concedidas polo Ministerio do ramo para a adaptación ao EEES.

Te puede interesar