Farjas: Galicia reduciu en xaneiro en 9,2 millóns o gasto farmacéutico

A Comunidade Galega, que cada día subministra 250.000 fármacos aos seus pacientes, logrou durante o pasado mes de xaneiro reducir a factura farmacéutica en 9,2 millóns de euros con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que supón unha redución interanual de 11,4%.

Os datos foron ofrecidos hoxe nunha rolda de prensa pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que despois de situar a factura farmacéutica galega de xaneiro pasado en 71,5 millóns de euros, pediu ao Goberno de España que tamén cree un catálogo priorizado de medicamentos porque 'é o mellor compromiso que pode facer en favor da sustentabilidade da sanidade pública'.

Así mesmo, pediu ao Executivo central que deixe de estar 'do lado das multinacionais farmacéuticas'.

Farjas insistiu en que a ministra de Sanidade, Leire Pajín, debe 'facer seu' o catálogo que funciona en Galicia, que permite ofrecer en xenéricos entre 40.000 e 43.000 medicamentos diarios, e pediu que retire o recurso contra a lei galega, que, segundo os cálculos da Xunta, vai permitir un aforro do gasto en fármacos duns 100 millóns de euros ao ano.

A conselleira lembrou que o consumo de medicamentos xenéricos nos principais países de Europa é moi alto e citou o caso de Suecia, Finlandia, Holanda ou Reino Unido, que teñen consumos de entre 44 e 60 por cento, ao contrario que naqueles cunha maior inestabilidade financeira, como é o caso de Grecia (2 por cento), Italia (10%) e Portugal (16%). En España, a administración media de xenéricos situouse en 26 por cento.

A implantación do catálogo priorizado en Galicia experimentou, segundo Pilar Farjas, un crecemento de 86 por cento, ao pasar de 14,5 por cento en xuño de 2010 ao actual 27 por cento, cunha prescrición de xenéricos superior á media nacional.

O gasto farmacéutico en Galicia achegouse no pasado ano (2010) á estabilidade, ao se situar en 0,7 por cento de crecemento cando en anos anteriores fora de 6 e de 7 por cento, co que, apuntou Farjas, se rexistrou a maior 'contención do gasto desde que se transferiron as competencias en materia de sanidade á Comunidade Autónoma'.

Por iso, Galicia, que ten unha das poboacións mais avellentadas de España, deixou de ser a Comunidade Autónoma co gasto por receita máis alto do Estado.

'O catálogo cumpre o esperado, mantén intactas as coberturas terapéuticas de todos os galegos, nun dobre exercicio de eficiencia: coidamos o diñeiro público e garantimos as prestacións sanitarias', afirmou.

Te puede interesar