Fontenla: Galicia pasou de ser agrícola a centrarse en servizos e industria

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, asegurou que 'Galicia pasou de ser unha comunidade en desenvolvemento, cun gran peso do sector agrícola, a unha comunidade centrada nos servizos e cun maior peso industrial'.

Fontenla analizou os últimos 30 anos de evolución da economía de Galicia, ao cumprirse a terceira década do nacemento desta institución, no ano 1981.

Segundo o presidente da patronal galega, a distribución sectorial do número de traballadores confirma esa valoración.

'Así, en 1981, 439.652 galegos traballaban no campo, fronte aos 86.600 que o fan hoxe en día, mentres que os servizos, pola contra, duplicaron o seu número de efectivos, pasou de 353.775 a 737.200 traballadores', explicou.

'Nestas tres décadas as empresas galegas, agora inmersas na máis profunda crise que se lembra, experimentaron unha importante evolución', aínda que, engadiu, 'arrastramos algún dos problemas que xa estaban presentes cando naceu a CEG, como a excesiva atomización do tecido produtivo ou a escasa produtividade'.

'Outros fóronse encamiñando -continuou-, como a desproporcionada inflación que soportaba a economía', o Índice de Prezos de Consumo (IPC) en Galicia era do 15,6% en 1981 e nestes momentos a interanual sitúase no 3,4%, detallou.

Tamén lembra que fai trinta anos en Galicia había 70.950 desempregados, cunha taxa do 6,12% e nestes momentos a cifra alcanza as 226.500 persoas, o 17,25%.

'Os datos da última EPA confirman o rotundo fracaso da reforma laboral aprobada polo Goberno', dixo Fontenla, e destacou que 'convén modernizar, a través dun amplo pacto, unha normativa laboral deficiente para propiciar a creación de novo emprego'.

No ano 1981 Galicia achegaba ao Produto Interior Bruto o 6,13% do total nacional, unha porcentaxe que se recortou ata o 5,2% en 2010, cunha achega de 55.631.002.000 euros, todo iso pese ao gran volume de axudas que a comunidade recibiu da Unión Europea.

Segundo Fontenla, a incorporación á UE supuxo unha importante fonte de oportunidades para o tecido produtivo galego que permitiu a internacionalización da actividade.

A inicios dos oitenta a dependencia exterior de Galicia era maior, tal como o proba unha taxa de cobertura, que roldaba o 70%, cando o volume do comercio exterior no primeiro semestre deste ano dá conta dun saldo favorable de 126% para Galicia, dixo o máximo mandatario da CEG.

Te puede interesar