Os funcionarios galegos poderán pedir un anticipo de extra do verán a xaneiro

Os funcionarios públicos de Galicia poderán solicitar un anticipo do cincuenta por cento da paga extra de xuño, polo que se o demandan, poderán cobrarlo na nómina de xaneiro.
Así o explicou esta mañá o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a celebración do Consello semanal do Executivo galego.

Asegurou que os orzamentos da Xunta para o próximo ano, aprobados na reunión e que mañá serán levados ao Parlamento, 'reforzan' o poder adquisitivo dos empregados públicos, 'aos que se lles segue pedindo un esforzo o próximo ano'.

Non obstante, sinalou que aos funcionarios se lles ofrece a posibilidade de anticipar, a quen o solicite, a metade da paga extraordinaria de xuño que recibirán na nómina de xaneiro.

O presidente da Xunta tamén anunciou que un total de 14.000 parados se beneficiarán dun plan de formación que mellorará as súas posibilidades de encontrar emprego mediante o investimento de 36 millóns de euros, que se suma aos catro acordados a semana pasada.

Igualmente, o Consello da Xunta decidiu manter a paga extraordinaria de 206 euros para un total de 43.000 beneficiarios de pensións non contributivas, que perciben fondo de asistencia social ou o subsidio de garantías de servizos mínimos.

Núñez Feijóo destacou o carácter extraordinario desta axuda, que é unha paga con carácter 'excepcional e temporal' e sinalou que este complemento non existe en doce CCAA, e nas que si existe, a prestación é a metade da contía da que se outorga en Galicia.

Te puede interesar