Galicia, preto da media de gasto por habitante, con maior redución

Galicia está lixeiramente por debaixo da media española de gasto en sanidade por habitante, con 1.266, 13 euros para 2011, fronte a 1.288,58 do conxunto do Estado, segundo datos da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.
Ademais, o gasto en Galicia reduciuse máis que a media das comunidades autónomas, con 67,26 euros menos que no exercicio anterior (de 1.333,39 a 1.266,13 euros), cando a baixada media xeral foi de 55,37 euros (de 1.343,95 a 1.288,58 euros).

O País Vasco e Navarra son as comunidades autónomas con maior gasto sanitario por habitante, 1.563 e 1.528 euros, respectivamente.

Esta organización destacou a diminución do gasto medio orzado per capita para 2011 con respecto a 2010, ao pasar de 1.343 euros no ano pasado a 1.288 neste exercicio, o que supón unha redución de 4,11 por cento.

Por comunidades obsérvanse diferenzas importantes e só oito delas se sitúan por riba da media.

Así, tras o País Vasco e Navarra, as comunidades con maior orzamento sanitario por habitante son Asturias (1.495 euros), Estremadura (1.390), Aragón (1.364), Castela e León (1.348), A Rioxa (1.347) e Murcia (1.346).

No extremo contrario sitúanse as Baleares, que destinan apenas 1.000 euros por habitante; seguidas da Comunidade Valenciana (1.078), Madrid (1.103), Andalucía (1.121), Canarias (1.135), Cantabria (1.232), Galicia (1.266), Castela-A Mancha (1.283) e Cataluña (1.292).

A diminución do orzamento entre 2010 e 2011 dáse en todas as comunidades, aínda que é máis evidente nas Canarias, onde se reduce 12,3 por cento.

En vista destes datos, a Federación puxo de relevo que os orzamentos sanitarios das CCAA son 'globalmente insuficientes', o que evidencia que 'a crise a está a pagar a sanidade pública'.

Segundo esta asociación, o modelo de financiamento autonómico non supuxo melloras nos orzamentos sanitarios, debido ao seu carácter finalista.

O seguinte cadro recolle, por comunidades autónomas, o orzamento sanitario per capita en 2010 e en 2011 -segundo o censo do INE aprobado en decembro de 2010-, e de acordo cos cálculos realizados pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública en función dos orzamentos aprobados polos respectivos parlamentos autonómicos.

CCAA 2010 2011

Andalucía 1180,09 1.121,69

Aragón 1419,37 1.364,49

Asturias 1507,15 1.495,93

Baleares 1066,37 1.003,32

Canarias 1295,36 1.135,75

Cantabria 1347,47 1.232,16

Castela e León 1360,62 1.348,92

Castela-A Mancha 1346,52 1.283,08

Cataluña 1298,84 1.292.45

C. Valenciana 1122,79 1.078,95

Estremadura 1509,72 1.390,56

Galicia 1333,39 1.266,13

Madrid 1108,14 1.103,16

Murcia 1334,25 1.346,9

Navarra 1543,12 1.528,59

País Vasco 1623,08 1.563,68

A Rioxa 1443,94 1.347,11

Media CCAA 1.343,95 1.288,58

Te puede interesar