Máis dun centenar de producións compiten no festival audiovisual 'Olloboi' 2014

Un total de 116 producións compiten na quinta edición do festival audiovisual 'Olloboi', organizado pola Asociación Marearte e que trata de "fomentar a canteira" do sector en Galicia.

O 'Olloboi' 2014 estivo aberto, dende que o pasado xaneiro se lanzase o convite a participar, a todos os afeccionados que queiran iniciarse no audiovisual ou mostrar as súas creacións, tanto de forma individual como colectiva.

Deste modo, no certame participan estudantes dende primaria ata o ensino superior e afeccionados de todas as idades. De feito, na edición deste ano, 92 das 116 propostas corresponden a traballos presentados por 30 centros educativos.

Os participantes, sinalan os responsables do festival, dispuxeron de "liberdade creativa" para facer as súas pezas, aínda que se valorará especialmente o uso da lingua galega, o respecto aos dereitos dos animais e a sensibilidade social e ambiental.

Todos os vídeos están na páxina web (www.olloboi.com) e poden ser visitados polo xurado e o público. A gala de entrega dos premios será o próximo 23 de maio na Casa da Cultura de Boiro.

Os recoñecementos divídense en oito categorías: 'Olloboi Cómico (humorístico); 'Olloboi Pelón (de crítica social); Olloboi Fotoxénico' (mellor estética, fotografía); 'Olloboi DJ' (música e son); 'Olloboi Orixinal' (mellor guión); 'Olloboi na Escola' (mellor experiencia académica); 'Olloboi Online' (elixido cos votos do público); e 'Olloboi Zamburroi' (a mellor proposta).

O festival, que contou coa participación de profesionais como Miguel de Lira, Alfonso Agra, Luís Avilés ou Tonhito de Poi, destaca que se trata dun evento "independente e sen ánimo de lucro" que non recibe achegas institucionais, aínda que conta co apoio de patrocinadores e organizadores. Cando conclúa o certame facilitarase un resumo contable.

Te puede interesar