Día das Letras Galegas

Malores Villanueva, escritora: Francisco tiña un "firme compromiso coa causa galeguista”

Malores Villanueva.
photo_camera Malores Villanueva.
A escritora publicou este ano unha biografía do escritor artellada a partir das 50 horas de conversas gravadas

A escritora e profesora, Malores Villanueva (Cercedo-Cotobade, 1982), e o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, coñecéronse no ano 2007, a penas tres anos antes do falecemento do escritor, cando ela estaba a realizar unha tese de doutoramento sobre os primeiros anos da editorial Galaxia. Baixo o título “Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia”, Villanueva publicou este ano unha biografía do escritor artellada a partir das 50 horas de conversas gravadas que compartiron nunha relación que define como “case familiar”.

Como foi ese achegamento ata chegar á  amizade?

Estaba facendo a tese sobre Galaxia entre 1950 e 1963, xa recopilara material e era o único fundador vivo que podía responder as miñas cuestións. Achegueime á Fundación Penzol un venres, tras pedirlle unha cita, posto que xa só ía tres días á semana. Comecei a facerlle preguntas e cando chegaron ás 13,00 horas el, que era moi puntual e metódico, dixo que tiña que marchar e quedamos ao venres seguinte. Falabamos tamén doutras cousas. Aqueles venres convertíronse nun hábito que era importante para el porque xa non recibía visitas. Eran os tres últimos anos da súa vida, comíamos na súa casa, e foi forxándose a amizade. Gustáballe a xente nova, sempre a recibía con moito entusiasmo porque pensaba que era o futuro e recibiume cos brazos abertos. Para min foi case un avó por idade e tivemos un trato moi agarimoso.

Como foi o proceso de ter que volver sobre as 50 horas de gravacións que tiña co escritor para artellar a súa biografía?

Volver sobre todas esas gravacións foi emocionante porque lembrei esas tardes de venres xuntos e todo o que aprendín alí. Con retrospectiva, valoro moito que sempre respondese como se as miñas preguntas fosen o máis natural do mundo.

Que características destacaría da figura de Fernández del Riego como escritor?

Dicía que, debido á situación que lle tocou vivir, se volveu escritor un pouco por necesidade, pola necesidade de divulgar. Quería poñer en valor a literatura galega que coa ditadura non estaba visible en ningures. Na súa primeira etapa, recupera a Rosalía, a Curros ou a Pondal, é unha escrita de circunstancias sociais. Hai outra parte, máis na democracia, que é memorialística, na que relata cunha pluma bastante literaria os acontecementos que lle tocou vivir. A súa escrita non se dedicou tanto á creación como á divulgación.

Como era nas distancias curtas?

El dicía que era un optimista radical, posto que se tivo que enfrontar a situacións complicadas, pero foi sempre quen de ver as posibilidades do momento. Era loitador, traballador, cun firme do compromiso coa causa galeguista e con sentido do humor.

Fernández del Riego gardaba todo. Tiña un gran sentido da posterioridade?

Moito. O seu arquivo é unha fonte de descuberta de tesouros, gardaba todo. Cando gardou as redaccións de Xela Arias, era xurado dun premio infantil, quedou cos escritos de todos os nenos. Para el todo tiña valor, aínda que nese momento os ollos dos demais non o visen. Non destruia nada nin en circunstancias nas que era moi comprometido, por iso o seu arquivo é dun valor incalculable.

A Fundación Penzol, un lugar para a pervivencia de fondos documentais e bibliográficos relacionados con Galicia, era un reflexo disto?

Totalmente. Cando asume a dirección hai 7.000 libros, agora debe haber máis de 30.000. Isto fai ver como xestionaba as cousas para que quedasen alí. Con viuva de Castelao, fai trámites para que a súa documentación quede alí, con Otero Pedrayo, o mesmo. Fernández del Riego sempre entendeu que a Fundación tiña que ser un lugar vivo, no sentido de ter novo material, pero tamén no de ter as portas abertas a quen quixera ir.

-Era obrigado dedicarlle Día das Letras Galegas a Fernández del Riego?

Eu creo que si. O ano 1963, no que se crean as Letras, el é o seu impulsor, aínda que xa no ano 30 dicía que facía falta crear este día. No 63 tamén volve a editarse a revista Grial, da que é director 100 números e créase a Fundación Penzol. Neses feitos fundamentais, está presente. É moi difícil explicar o século XX en Galicia sen el, dende os partidos políticos, a parte cultural, a primeira historia da literatura. Se temos un tecido cultural en boa medida é grazas a el.

Te puede interesar