Espera que o empréstito do BEI se peche a finais de mes e mantén os prazos fixados para a infraestrutura

Mosquera di o resto de partidos que 'se queren paralizar' o novo hospital 'o digan claramente' e 'en eleccións'

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, replicou aos partidos políticos que anunciaron os seus compromisos de revisar ou anular o contrato do novo hospital de Vigo que 'se o queren paralizar que o digan claramente e que o digan en eleccións'.
Mosquera, que realizou unha visita ás obras do hospital este xoves - con motivo da coroación da estrutura e a finalización do acceso principal -, horas antes de que comece a campaña electoral, referiuse aos compromisos electorais das principais formacións políticas agás o PP coa rotura do citado contrato e considerou que 'o que terán que aclarar á poboación de Vigo é canto pensan atrasar a obra', tendo en conta que o contrato está en vigor.

A conselleira denunciou que estes partidos 'parece que teñen unha intención clara de que non se faga' e engadiu que 'o veñen demostrando dende o mesmo momento en que se puxo en marcha'.

Nas súas declaracións, Rocío Mosquera insistiu en que o novo hospital é a obra deste tipo 'máis grande de España' nestes momentos e insistiu en que terá carácter 'público' e que se está a construír ao ritmo pactado coa UTE. Segundo precisou, na quenda na que se realizou a visita traballan actualmente unhas 200 persoas, se ben en posteriores fases da obra se necesitará máis persoal.

En canto á visita deste xoves, tendo en conta que a Xunta Electoral apercibiu ao PP en diversas ocasións por actos de cargos da Xunta a titular de Sanidade esperou que nesta ocasión non aconteza, 'porque é un acto da propia empresa que se fai habitualmente cando se coroa a estrutura'. 'Vin a pasar un anaco con eles, que vin encantada', asegurou, agradecendo á UTE ser invitada.

FINANCIAMENTO
Ao respecto dos problemas de financiamento da empresa adxudicataria, a conselleira explicou que esta se atopa 'facendo todos os esforzos' e está a falar co Banco Europeo de Investimentos (BEI) e con entidades privadas.

Así, recoñeceu que lle 'gustaría máis' que estivese xa pechado o financiamento, se ben precisou que esta cuestión non lle 'preocupa' e descartou que exista 'risco' no empréstito do BEI. Sobre o peche deste crédito, asegurou que 'non hai unha data concreta a partir da cal se poñan en risco os prazos de finalización da obra' se ben esperou que 'ogallá' a finais de mes se peche a operación.

Mosquera asegurou que 'non hai nada que faga sospeitar que non se vaian cumprir' os prazos fixados, os cales prevén o termo da obra a finais de 2013 e a posta en marcha do hospital no primeiro semestre de 2014.

MANIFESTACIÓN
Preguntada por unha valoración da manifestación do mércores convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Vigo, e na que participaron unhas 7.000 persoas; Mosquera insistiu en que se trata dun 'hospital público que vai pagar o Sergas'.

Así, recordou que se contratou, por 20 anos, obra, mantemento e 'unha serie de servizos xerais' que 'na súa maioría' xa estaban externalizados antes. Ademais, recordou que prestará asistencia á área sanitaria de Vigo e que, nalgunhas especialidades, tamén será referencia para Ourense.

Te puede interesar