Omar Rabuñal: “A nosa é unha película moi mala a conciencia, a cutrez cultívase”

O director de “cine cutre” Omar Rabuñal Varela.
photo_camera O director de “cine cutre” Omar Rabuñal Varela.
Omar Rabuñal Varela é director de cine e gañador da XIII Edición do Festival CutreCon en Madrid

Omar é un director coruñés que prefire o ketchup ao sangue falso, e que se sente orgulloso de saber facer as cousas mal. É o gañador da XIII Edición del Festival CutreCon, un festival de “cine cutre” internacional que se celebra en Madrid, con  “Los amigos. La pinícula”.

Omar, como te sentes tendo feito a peor película do mundo?

Non sabía como tomalo… Pero moi ben, moi ben. É que no Festival son moitas as películas que son malas, pero que non pretenden selo, e a nosa é unha película mala a conciencia. É unha comedia voluntaria cando no Festival había moitas comedias involuntarias. Eramos catro pelis seleccionadas, a segunda, Sangre cubana, sobre vampiros que tamén era mala adrede, encantóume. A verdade é que foron moitas risas. Fun a Madrid con David Noya, César Seijas e Marcos F. Eimil, que somos os catro que producimos a peli e como somos todos compañeiros de profesión sumáronse catro amigos que vamos, traballaron gratis e estamos moi agradecidos. E temos un elenco no que non faltan actores relevantes, temos a Touriñán, Marcos Pereiro, David Perdomo, Federico Pérez, Pepo Suevos, David Amor, Susana Seivane… E moi agradecido de que se sumaran á proposta.

Como sae a idea de facer esta película?

Fixemos a película porque a queriamos facer. Por botarnos unhas risas, xa que tiñamos os medios, tiñamos as cámaras, técnico de son…  Dixemos, e por que non facemos unha peli? E por que non unha peli que vaia de amigos, e que se chame Los amigos? Fun guionizando sobre a marcha, e dependendo do que fomos grabando, pois escribía novas secuencias. Pero ben, todo moi tolo. Con moitas secuencias absurdas, e que metimos soamente por facer unha homenaxe ás nosas películas favoritas como Terminator 2, Rambo ou ata Los Serrano.  Fixémola soamente polo gusto de facela, e despois simplemente foise sumando xente.

Con “Los amigos” gañas o CutreCon, pero levas xa moito tempo facendo películas. 

Sí, levo 15 anos na profesión e a verdade é que fixen un poco de todo, curtametraxe, documentais… De feito vaise proxectar no Círculo de Artesáns da Coruña un documental sobre o entroido da Coruña, que é o único documental sobre o entroido de Coruña que se chama Antroido Cascarilleiro dende Elviña a Monte Alto, porque aínda que o entroido más célebre é o de Ourense, na Coruña hai unha tradición moi importante.  E gañamos o Galician Freaky Film Festival, en Vigo, así que tamén somos profetas na nosa terra, e gustou moito alí.

Que foi o máis dificil, gravar a película ou aguantar a risa mentras?

Houbo secuencias moi duras de gravar, a verdade. Eu estaba detrás de a cámara pero algúns non podían aguantarse de verdade. E outra das cousas máis difíciles era a de compaxinar os horarios da xente. Sobre todo cadrar xuntos os máis famosos, creo que so houbo un día que estiveran todos. Eso foi o máis difícil.

Haberá  segunda parte de “Los amigos”?

Haberá una serie, xa hai un tráiler en Facebook. A serie chámase “Los 2 amigos. La venganza musical”. Vai de dous amigos que se meten en leas, viven aventuras e cando chega un momento no que pensamos que van morrer, que non van poder superar ese obstáculo, resolven a situación cantando e bailando. Así vai ser a serie. Aínda estamos empezando a gravar, entendo que a colgaremos en Youtube pero aínda non sei cando poderemos sacala.

Que resulta o máis relevante para ti de gañar o CutreCon?

Que é a peor película do audiovisual galego e gañou un premio internacional en Madrid. Eu quedei alucinado porque a nós fannos gracia as nosas chorradas pero non pensabamos que ía gustar ao resto da xente e se descojonaban.

Te puede interesar