Santalices advirte de que se os servizos non están un ano antes do fin da obra haberá 'un problema gravísimo'

A oposición dúbida do financiamento do futuro hospital de Vigo pola participación de Bankia e CAM

A Comisión de Sanidade foi escenario este xoves dun debate sobre o futuro hospital de Vigo, o proxecto da cal foi presentado aos profesionais esta mesma semana, e que se construirá polo sistema de colaboración público-privada. A raíz da iniciativa do PPdeG, que foi aprobada só cos votos desta formación, nacionalistas e socialistas mostraron as súas dúbidas sobre o financiamento desta infraestrutura, toda vez que 'as financeiras son Bankia e CAM'.
Deste xeito, a parlamentaria nacionalista Ana Luisa Bouza, que ratificou o seu rexeitamento a que esta obra se faga polo sistema de pagamento aprazado, puxo de relevo que 'Bankia e CAM son as financeiras'. 'Un éxito na busca de entidades', ironizou, antes de advertir: 'Se ese é o respaldo financeiro do proxecto de Vigo temos dereitos a ter dúbidas'.

A este respecto, sinalou que 'o problema non é o convenio' á vista de sobre qué entidades recae o financiamento, e argumentou que en Inglaterra situacións similares 'obrigaron o Estado a intervir para garantir a continuidade das obras'. 'Nós alertabamos de que este sistema era pouco fiable', rememorou a representante nacionalista.

Nesta liña, o deputado do Grupo do PSdeG Modesto Pouse tamén coincidiu nesa preocupación, e chamou a atención sobre que co diñeiro público que 'gratis' vaille dar o Estado a Bankia, esta 'darallo a Acciona e asociados' para construír o hospital e logo o Goberno galego pagará 'equis máis Y'. 'Esta é a operación', sentenciou.

Modesto Pose concluíu que a obra 'se lle'podía encargar' directamente á construtora, toda vez que é obvio que o Sergas 'non ten albaneis', pero con 'presupostos' da Comunidade Autónoma. En lugar diso, e de 'non hipotecar o futuro', denunciou, o Sergas 'garante os beneficios dunha empresa durante 30 anos' e 'ten que pagar 70 millóns de euros todos os anos, e outros tantos a Povisa', haxa ou non crise económica.

Pola súa banda, o autor da iniciativa, o popular Miguel Santalices, fixo fincapé na necesidade de que o Concello de Vigo 'cumpra' co convenio que no seu día asinaron a entón alcaldesa, Corina Porro, e as conselleiras María José Caride e María José Rubio (de Política Territorial e de Sanidade, co bipartito). Ademais, remarcou que os cidadáns 'non pagarán' por acudir a este centro.

'NECESARIO QUE SE CUMPRAN COMPROMISOS'
Para Miguel Santalices, como a obra 'avanza a bo ritmo' é necesario que 'se cumpran os compromisos municipais que non se están a cumprir', do cal culpou o alcalde da cidade, Abel Caballero. 'Non lles sei como explicar que a construción deste hospital é unha necesidade, e que se está a facer dano a cidadanía de Vigo ao bloquealo esta obra e a toda a rexión sur de Galicia', reflexionou o deputado do PPdeG durante a súa intervención.

Así, instou aos grupos a lanzar a idea de que 'aínda hai esperanza' e pedilo ao rexedor da cidade olívica que 'reflexione' e, de paso, para que 'enterre descualificacións que dixo das anteriores conselleiras, de que enganaron a alcaldesa de Vigo a conciencia'.

O autor da iniciativa advertiu, así mesmo, que se o abastecemento de auga e de canalización, entre outros, non está 'resolto' un ano antes da finalización da obra, haberá 'un problema gravísimo', e sentenciou que 'os convenios están para cumprirse'.

O BNG abstívose no punto referido a cumprir co establecido no convenio marco para a tramitación dun proxecto de incidencia supramunicipal e dotación de servizos e infraestruturas par o hospital de Vigo. Con todo, Ana Luisa Bouza considerou que se o Goberno pode levar a cabo reaxustes, se debería deixar que o concello 'estableza unhas condicións razoables' para o desenvolvemento do convenio marco, toda vez que se asinou hai cinco anos, noutra situación económica.

O PPdeG pediu a votación por puntos desta iniciativa, de forma que o PSdeG emitiu a súa negativa a ese e o segundo aspecto da proposición non de lei, o cal tamén foi rexeitado polo BNG. Nel, os populares reclaman 'utilizar todos os mecanismos legais para que o Concello de Vigo cumpra co recollido' no convenio.

Te puede interesar