En Pontevedra e A Coruña residen 70.000 das 95.000 personas extranxeiras que viven en Galicia

Ourense é a provincia galega na que os inmigrantes teñen un maior peso no censo

Curso de lingua para os inmigrantes na provincia de Ourense. (Foto: Archivo)
As zonas urbanas das provincias da Coruña e Pontevedra concentran máis da metade da poboación inmigrante de Galicia, que supón na actualidade un 3,4 por cento do censo galego, con máis de 95.500 persoas estranxeiras inscritas, mentres que en todo o Estado español supón un 10 por cento do padrón. Nembargantes, no caso de Ourense o envellecemento da poboación e a emigración da xente nova na percura de traballo fan que o peso da inmigración sexa o maior de toda a Comunidade, o 4,17% do censo provincial.
Catro de cada cen persoas inscritas no censo da provincia de Ourense son inmigrantes. Así o reflicten os datos do padron municipal de 2008 do Instituto Nacional de Estadística, INE. Precisamente, o feito de seren a provincia con menos poboación supón que o peso da poboación inmigrante sexa maior que noutras provincias onde o número de persoas chegadas de fora das fronteiras de España é maior, como en Pontevedra ou na Coruña, onde residen 36.269 e 33.711 inmigrantes, respectivamente. Os datos do padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística tamén sinalan que o número total de inmigrantes empadroados nas provincias de Ourense e de Lugo son de 14.006 e 11.582.

En concreto, a poboación estranxeira na provincia de Pontevedra representa o 3,8 do padrón; na Coruña, o 2,96 por cento; en Ourense, o 4,17 por cento; e en Lugo, o 3,26.

Integración

A representante do Foro Galego da Inmigración, Rocío Rodríguez, comentou que se trata dunha ‘proporción moi baixa’ na comunidade e sinalou que estas persoas se integran na sociedade ‘de forma gradual’.

O secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, destacou en declaracións a Europa Press que nos últimos anos a poboación inmigrante en Galicia ‘case se cuadriplicó’, ao pasar ‘dos 25.000 residentes no ano 2000 os case 96.000 actuais’.

Rocío Rodríguez manifestou que a poboación estranxeira que se instala en Galicia o fai por falta de emprego no seu país de orixe. Ao respecto, asegurou que os inmigrantes teñen ‘máis dificultades’ para acceder a un posto de traballo. Ademais, o colectivo inmigrante denunciou discriminación tamén á hora de alugar unha vivenda porque, en ocasións, segundo resaltou Rodríguez, pídenlle máis diñeiro’.

PERFIL

Sudamericanos na percura dun emprego Segundo comentou o responsable de Emigración da Xunta, Santiago Camba, o perfil dos ‘novos galegos’ é de xente nova, procedente na súa maior parte do Sur do continente americano, ‘e que chegan a Galicia fundamentalmente por motivos laborais’.

Ao respecto, o Foro Galego de Inmigración sinalou que Portugal, con 18.521 persoas, e Brasil, con 10.574, son os países de procedencia da maior parte dos residentes estranxeiros en Galicia; seguido de Colombia (8.289), Romanía (5.187) e Arxentina (5.148), segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística.

Así mesmo, segundo os datos facilitados polo Foro Galego de Inmigración, menos dun dez por cento da poboación inmigrante residente en Galicia atópase en situación irregular na comunidade.

Te puede interesar