Oza e Cesuras (A Coruña) celebrarán este xoves os plenos para aprobar o inicio da fusión

Os concellos de Oza dos Ríos e de Cesuras (A Coruña) celebrarán este xoves ás 12.00 horas senllos plenos para aprobar de forma inicial o expediente de fusión entre ambos os dous municipios, que se trata do primeiro paso para que a unión estea en funcionamentos en 2013.
Nun principio barallárase a data do 17 de agosto para a celebración dos devanditos plenos, pero finalmente será o xoves 30 de agosto, segundo confirmou a Europa Press o alcalde de Cesuras, Julián Lucas.

Segundo explicou o rexedor, despois do pleno deste xoves, abrirase un período de 30 días de exposición pública antes da aprobación definitiva. Ademais, respecto ao nome do novo municipio resultante da fusión, indicou que aínda non está confirmado pero que a proposta que realizaron ambos os dous concellos foi a de Oza-Cesuras.

Ambas as dúas sesións plenarias teñen lugar unha vez finalizado o período de alegacións, durante o que se presentaron un total de sete. Delas, dous foron no Concello de Oza dos Ríos, unha do PSOE e outra do BNG, e cinco en Cesuras, unha do PSOE, outra do BNG e tres de veciños.

INFORME XURÍDICO XUNTA
Para a aprobación inicial da fusión, os rexedores baséanse nun informe xurídico da Xunta que permite a integración municipal con maioría absoluta, en lugar dunha maioría cualificada de dous terzos, como figura na lei galega. Tamén o expón así un informe da Deputación de A Coruña.

Con esta fusión, que sería a primeira en Galicia en máis de 40 anos, os dous municipios sumarán uns 5.400 habitantes, e a comunidade autónoma galega pasaría a contar con 314 concellos.

Te puede interesar