O PSdeG pide 'discreción' a Feijóo sobre acordos para construír navíos

A coordinadora de Economía do PSdeG, Carmen Gallego, demandou hoxe 'prudencia' e 'discreción' ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre os acordos coa petroleira Pemex para a construción de barcos en estaleiros galegos, para non 'pór en alerta os competidores'.
Así se pronunciou a dirixente socialista despois do anuncio do presidente da Xunta de que a empresa petroleira mexicana Pemex pedirá orzamento en estaleiros galegos para a construción de dous navíos para produtos químicos.

Gallego, que apuntou que o xefe do Executivo 'se dedica máis a facer de tertuliano que de presidente da Xunta', considerou que debería 'falar menos e traballar un pouco máis'.

Indicou que 'se fose certo' que hai algunha oferta a Navantia ou a calquera estaleiro civil galego para construír navíos, 'como esas ofertas teñen que ver coas propostas económicas que propoñan os nosos estaleiros, a discreción debería ser unha boa compañeira de viaxe, porque senón, o que estamos é pondo en alerta os nosos competidores'.

Carmen Gallego, non obstante, sinalou que se esta oferta fose unha realidade e se conseguise carga de traballo para os estaleiros galegos 'o Partido Socialista alegraríase, mais sospeitamos que a prudencia do señor Feijóo non é algo polo que se caracterice e gustaríanos que fose máis prudente nestes casos'.

Tamén sinalou que os socialistas aínda descoñecen, malia solicitáreno formalmente no Parlamento de Galicia, o acordo coa petroleira mexicana para a construción de 14 remolcadores, que ao PSdeG 'lle gustaría coñecer para felicitalo e saudalo', concluíu.

Te puede interesar