Rueda admite que falou con Currás, que non dimitirá, e avisa de que gobernar Santiago esixe 'unidade'

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, admitiu que falou este xoves, tras a súa declaración como imputado na 'Operación Pokémon', co alcalde de Santiago, Ángel Currás, que se manterá no seu posto, e advertiu tanto ao rexedor coma ao resto de edís que gobernar a capital galega esixe 'unidade e concentración' para resolver os problemas que afectan os veciños.
En declaracións aos medios, preguntado sobre se aproveitou a súa conversación co rexedor para abordar o seu futuro político nun escenario no que se fixo máis evidente a división do grupo municipal, o número dous do PPdeG esgrimiu que a súa situación, tras a declaración de Currás, non cambiou, dando a entender que este se manterá no seu cargo.

'Nós dixemos antes da súa comparecencia ante a xuíza que hai un código ético que sinala que é o PPdeG o que ten que avaliar a situación da persoa afectada por un procedemento xudicial. Había un criterio determinante que podían ser as medidas preventivas. Non as houbo e polo tanto o que se dicía antes vale para agora', resumiu Rueda, antes de volver apelar á 'presunción de inocencia' do rexedor.

Así mesmo, sobre a suposta presión do alcalde a unha concelleira para que asinase un informe alterado en relación a unha débeda con Sermasa, empresa do grupo Vendex - investigado na 'Pokémon'-, asegurou que descoñece se este feito 'tivo lugar ou non' e limitouse a sinalar que o PPdeG 'apoia que sempre se actúe obxectivamente'.

APARCAR 'PELEXAS INTERNAS'
Por último, recoñeceu que na capital galega se viven 'momentos de dificultade', debido á situación xudicial de varios membros do goberno local, 'empezando polo alcalde', e sinalou que a mensaxe do PPdeG aos seus neste tipo de casos sempre é 'o mesmo', en relación á necesidade de traballar con unidade.

'O que hai que facer é traballar con máis obxectividade que nunca e deixar de lado pelexas internas porque a xente o que quere é que o goberno local goberne e solucione os seus problemas', resolveu.

Te puede interesar