Rueda: A Xunta 'está facendo todo o posible' pola fábrica de armas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou esta mañá que o Goberno galego está facendo 'todo o posible, dentro das súas competencias, para encontrar unha solución ao peche da fábrica de armas da Coruña'.
'Que non lles quede a dúbida aos traballadores da General Dynamics que a Xunta está facendo todo o posible', recalcou Rueda nunhas declaracións aos xornalistas.

O comité de empresa segue reclamando a intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para lograr unha prórroga no prazo establecido para o peche da factoría, previsto para este mes de abril, e buscar nese tempo unha saída para a fábrica.

Esta mesma tarde os traballadores convocaron unha marcha desde a sede da factoría ata o centro comercial Alcampo tras coñecer a negativa da empresa a negociar unha prórroga para o peche da factoría.

O grupo General Dynamics desconvocou a reunión prevista para onte cos representantes dos traballadores da fábrica de armas da Coruña para continuar negociando unha solución que permita evitar o peche da factoría previsto para este mes.

O pasado domingo miles de persoas apoiaron nunha nova manifestación a petición do comité de empresa de negociar unha 'prórroga' ata o próximo mes de decembro que permita articular un novo proxecto industrial da factoría da Coruña.

A fábrica coruñesa é a única que será pechada en España con parte do plan de reestruturación do grupo General Dynamics que prevé un expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta 50 por cento do cadro de persoal da multinacional.

Te puede interesar