O Sergas pretende aforrar 135 millóns en oito anos cun plan de eficiencia enerxética en cinco grandes hospitais

Sanidade investirá 160 millóns en melloras de equipamento, mantemento e para o custo da electricidade entre 2012 e 2019
O Servizo Galego de Saúde (Saúde) prevé alcanzar un aforro de máis de 135 millóns de euros en oito anos co plan integral de eficiencia enerxética. Nunha primeira fase, esta medida aplicarase aos grandes hospitais de Santiago (CHUS), A Coruña (CHUAC), Lugo (HULA), Vigo (CHUVI) e Ferrol, nos que a Consellería de Sanidade investirá 160 millóns para melloras de equipamento, mantemento e para o custo da electricidade do período 2012-2019.

Só esta primeira actuación 'permitirá un aforro de seis millóns de euros en 2012', destacou a titular do departamento autonómico, Piar Farjas, nunha rolda de prensa acompañada polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra e polo director xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública, Manuel Antonio Varela e o director do Inega, Eliseo Diéguez.

Na comparecencia, Farjas destacou que a 'tendencia' dos últimos anos é á 'suba insostible' do custo da enerxía e, se se ten en conta que os hospitais 'son os edificios do sector público que maior cantidade de enerxía utilizan' -acaparan o 50% do consumo enerxético de toda a Xunta-, a determinación por conseguir este aforro ten 'gran transcendencia'.

Dentro do volume de licitación para o período 2012-2019 (160 millóns de euros), unha partida de 15 millóns de euros dirixirase á inversión en novos equipos, ao que o Inega contribuirá con 2,3 millóns. En total, Economía e Industria destinará ao apoio técnico, económico e divulgativo 2,76 millóns.

SITÚA A GALICIA COMO 'PIONEIRA'

A conselleira de Sanidade subliñou a 'gran magnitude' e 'importancia' dunha actuación 'pioneira' en toda España, que irá incrementando a cantidade aforrada exponencialmente ano tras ano. O plan de eficiencia enerxética, que se enmarca nos obxectivos marcados por Economía e Industria, 'sitúa a Galicia como primeira das comunidades autónomas que aborda un plan integral', sentenciou a titular do departamento.

'É imprescindible e estratéxico', aseverou a responsable galega en materia de sanidade preguntada pola conveniencia de adoptar esta medida nun contexto de crise. No seu discurso, Farjas fixo fincapé no 'compromiso' de Galicia 'coa sostenibilidade' do sistema sanitario. 'Galicia é a primeira', insistiu, en realizar 'un exercicio de criterio e planificación'.

'ESCALADA CONTINUA' DO GASTO

O aumento do consumo enerxético nos centros sanitarios dende 2004, debido á 'tecnificación' dos mesmos e novas 'esixencias e normas', foi do 34%, segundo apuntou Farjas.

Non obstante, o incremento do gasto dos hospitais do Sergas foi do 150% neste tempo, ao pasar de 7,9 a 21,15 millóns de euros na enerxía eléctrica. O gasto anual na totalidade da rede sanitaria é de 30 millóns de euros.

Frear esta 'escalada continua' do gasto é, por iso, o principal obxectivo do plan, segundo reivindicou a conselleira. 'Se se mantivese o gasto actual ata 2019, alcanzaría os 306 millóns de euros, mentres que a aplicación do plan de eficiencia enerxética permitirá reducilo ata os 171 millóns', resaltou -un 44% menos-.

ILUMINACIÓN, CALEFACCIÓN, CLIMATIZACIÓN E ILLAMENTO

Segundo explicou o titular de Economía, as cifras 'esperadas' pola Xunta derívanse de auditorías realizadas por técnicos do Instituto Enerxético de Galicia, que recomendan cambios en iluminación, calefacción, climatización e 'mesmo' de illamento -renovación de ventás- nos hospitais.

Unha vez superada a primeira fase, o plan contempla a actuación sobre os novos hospitais de Vigo, Pontevedra e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. A terceira e última etapa correspóndese cos hospitais comarcais -inclúe un plan piloto de biomasa en Monforte- e centros de saúde.

Por último, Javier Guerra destacou o 'efecto multiplicador' que a licitación por un valor de 160 millóns terá sobre o tecido industrial. 'O que está analizado é o custo do equipo máis o custo da enerxía. Por exemplo, poñer unha nova caldeira máis o gasto da enerxía que utilice a caldeira', precisou Farjas.

Te puede interesar