FACER RESPONSABLES AOS EMPREGADOS

Sindicatos cren que o código ético busca 'confundir' sobre a corrupción

CSIF reclama á Xunta que elimine as mencións aos traballadores públicos e o aplique solo a altos cargos e directivos.

Os responsables das áreas públicas de CIG, CC.OO. e UGT, os tres sindicatos que deron plantón este mércores á Xunta, acusaron o Goberno galego de elaborar o código ético nun intento de confusión sobre a orixe da corrupción e consideraron que se está a impoñer aos empregados públicos a mesma carga de responsabilidade e corrupción" que aos xestores políticos.

Estas tres formacións decidiron non acudir á reunión convocada pola Xunta para tratar o documento aprobado, á que si foi CSIF, co fin de "tratar de convencer" aos responsables do Goberno galego para que modifiquen a súa proposta. Este sindicato aposta por facer un código ético, pero só para altos cargos e directivos, e pide que se eliminen as referencias aos empregados públicos en xeral, que interpretan como "unha cortina de fume para diluír as responsabilidades" dos que toman as decisións.

Por o seu lado, nunha rolda de prensa, CIG, CC.OO. e UGT cargaron contra a proposta do Goberno galego, que consideran que trata de "desviar a atención dos múltiples casos de corrupción" nos que están "implicados numerosos cargos institucionais do PP en Galicia".

A coordinadora de CIG-Área Pública, Mari Carme López Santamariña, referiuse ao documento como "código patético" e considerou que se trata dun "lavado de cara pola multitude de escándalos" que afectan ao PP. "Non se pode permitir que os traballadores estean á mesma altura que esta calaña de dirixentes que está a instalar o PP", protestou.

Así, estas organizacións recordaron que o seu traballo e as medidas de control sobre este están xa "de sobra regulados" e teñen un réxime disciplinario. "Non necesitamos un código ético, somos profesionais da administración e sabemos cáles son as nosas maneiras de facer o traballo", reivindicou Santamariña, que afirmou que aos que hai que poñer "atrancos" é aos membros da "parte política".

O código, incidiu, "volve machucar" os traballadores públicos, convertidos, ao seu xuízo, en "moeda de cambio para todo o que se quere desprestixiar na administración". Non obstante, o documento "non fala de decencia ética e dimisión" en caso de políticos implicados en casos de corrupción.

Pola súa banda, o representante de UGT, José Vázquez, insistiu en que debería haber un código ético para os que desenvolven actividade política, pois son "os que chupan do bote". "Os empregados públicos están para defender a administración, non para coller de ninguén 90, 50 nin 3 euros", manifestou.

Vázquez sostivo que "un funcionario de base non pode mangonear nada" e criticou que o formulario para declarar posibles obsequios recibidos "sobra" porque "se non se colle non hai nada que devolver".

POLÍTICAS PRIVATIZADORAS

Os sindicatos consideraron que as políticas "privatizadoras" e de "desmantelamento dos servizos públicos" son "o principal foco de corrupción", polo que pediron parar este tipo de medidas. A representante de CC.OO., Luz López, criticou os recortes "dramáticos", cos que non se está a deixar "en mans dos empregados" que a calidade dos servizos "dependa da súa actuación".

Así mesmo, estas tres organizacións criticaron que o código ético "fala moito" das viaxes e interpretaron que se debe "á preocupación" polas eleccións" e a campaña no exterior. "Os traballadores non fan ese traballo, fano os políticos", protestou Santamariña.

"E sobre as contas en Suíza: non son os funcionarios os que teñen contas en Suiza, agregou Vázquez. Luz López apuntou, en ton irónico, que en contas en paraísos fiscais "deben de estar as extras dos traballadores e os recortes".

A POSTURA DE CSIF

Pola súa banda, José Brunete, o representante do CSIF na reunión convocada pola directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou a Europa Press que reclaman "valentía" a Feijóo para que aplique o código só a altos cargos e directivos e mesmo para que faga unha lei que inclúa a todos os políticos.

Brunete incidiu tamén en que os empregados públicos teñen o seu propio código e un réxime disciplinario. Ademais, explicou que a próxima semana presentarán as súas alegacións á Xunta e xustificou acudir á reunión porque CSIF é "un sindicato dialogante" e préstase sempre a acudir a encontros nos que se fala dos traballadores públicos e a "defendelos".

Te puede interesar